Vila Nova de Cerveira en Galego / Santiago en Portugués

Un artigo de Paco Macías

Paco Macías

Este sábado 16 de marzo presentamos, e por primeira vez, o Volume I da OBRA COMPLETA de Roberto Vidal Bolaño en Vila Nova de Cerveira, na Livraria Porta XIII. Alí había unha canta xente. A maioría falabamos en galego. Os outros, os menos, en portugués. Estaba unha tradutora galega, das mellores; leva traducido montes de libros, e montañas de películas e mesmo series de debuxos infantís e famosas para a televisión galega. E estaba tamén un famoso escritor angolano, culto, irónico, retranqueiro, intenso… Falamos todos de Vidal Bolaño, de teatro, do que nos petou.
Tradutora galega e escritor angolano acolléronnos a todos nós falando en idiomas que non necesitan tradución entre eles.

Aline Fração vén vivir a Santiago. Ela canta en portugués, e aquí estrea o seu disco Clave Bantu. Santiago tivo ese privilexio, ser o escenario do nacemento dunha cantante que será unhas das protagonistas da música nos próximos tempos. E Aline escolleu Santiago, porque atopou persoas, e ambiente, que a apoiaron.
Sérgio Tannus fai música popular brasileira desde Compostela. Co seu Sérgio Tannus Trio inventa o son brasilego.
E poden seguir buscando estes intercambios, que han atopar a cada día máis.

Pero os que cortan o bacallau, tanto no poder como na oposición, na dereita como na esquerda, nacionalistas ou non… eses semella que nada perciben. E será por preguiza? Poden os preguiceiros, os pouco inquietos, considerarse cultos? E que será, logo, a cultura para eles?

Estas noticias anteriores deberían ser uns dos nosos orgullos culturais, e non esas insoportables ignorancias.

2 Comentarios

  1. Non sei se será por preguiza, ignorancia (unha non presupón a outra) ou simplemente, como se di hoxe, por subxectividade. Vaia, que non atopan esas cousas culturalmente interesantes. Nese sentido, eu identifícome moito coa Aline e co Sérgio e toda a panda.

  2. E creo, Vidal, que en Galicia tamén somos cada día máis as Alines e os Sérgios. Pode que sempre fósemos moitos, pero ocultos, ocultados… E así nos foi… así nos vai.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*