Paso de ser español

Un artigo de Albert Tortajada

Despois de papar unha ducia de libros sobre causas , orixes e solucións para a crise, deume por ler sobre neurociencia. Quizais tratando entender os mecanismos de pensamento do ser humano, tanto a nivel individual como colectivo. De todo o que lin, pareceume especialmente recomendable o libro de Daniel Kahneman (Pensar despacio, pensar deprisa). Pero sigo sen entender o que lle está a suceder á xente do meu arredor.

Deixei de ler habitualmente a prensa hai semanas para evitar soliviantarme in crescendo páxina a páxina. Blaugrana que son, xa non paso nin pola deportiva, se exceptuamos a contraportada do AS. A prensa, digamos, seria, antes indignábame. Agora xa é noxo o que sinto. Noxo pola impunidade dos ladróns, polo cinismo dos vixiantes e polo inmobilismo dos afectados. “manifestámonos pacificamente”, dirán algúns. Xa. As manifestacións pacíficas só serven para que se escarallen aínda máis os ladróns. Mentres nós vemos partidos de fútbol ou comedias de cine, eles poñen vídeos de manifestacións para se divertiren.

No meu DNI pon que a miña nacionalidade é a española, un concepto co que nunca estiven demasiado de acordo pero que tocou asumir a falta de alternativas. Vendo o que é España agora mesmo, que me etiqueten como “español” xa non me deixa indiferente. Oféndeme profundamente. Porque agora mesmo España é, esencialmente, corrupción, espolio impune das clases baixas e medias (o pouco que queda delas), trampas en todos os sectores, prevaricación habitual e entrega progresiva dos recursos do territorio (que pertencen aos seus habitantes) aos que posúen o capital privado. Vergoña e noxo dá ser español.

Albert Tortajada

Ademais, haberá que pagar a factura do endebedamento destes últimos anos a intereses indecentes. A clase baixa (a media acabaron con ela cunha eficiencia que xa quixese para o sue proxecto Heinrich Himmler) vai estar escravizada un par de decenios. Como se vai pagar esa factura? O sector produtivo  quedou reducido a un 30% do que estaba. Montar unha empresa (seino por experiencia propia) é unha quimera. Polo menos seguindo todos os trámites legais. Queda operar á marxe da lei e retomar o contrabando, o estraperlo e o troque para sobrevivir. Ata que nos pillen por agochar dez mil euros ás arcas do Estado e nos metan en chirona.

Lamentablemente, a única opción que nos queda para levantar isto é o turismo. Aínda podemos salvarnos converténdonos no casino, na praia ou o puti-club de Europa. Apuntando, iso si, ao turismo de calidade. Porque o low-cost, o de toda a vida, terminará indo, ao igual que as nosas fábricas e as nosas hortas, ao norte de África. A lei da oferta e a demanda, chámanlle. Co sistema educativo que queren implementar, dentro de vinte anos a maioría apenas saberá sumar números de dous díxitos e facer un O cun canuto. Serán excelentes camareiros, croupiers e traballadores sexuais. E doados de conducir, os rabaños de ovellas sempre o foron.

Que fai a xente mentres tanto? Os máis listos e con menos ataduras, emigrar, un verbo que aos galegos das últimas xeracións non nos é demasiado familiar, pero que si o é para os nosos antepasados. O talento que formamos co diñeiro de todos convértese en man de obra barata (ou non) de Alemaña ou Inglaterra. A historia, xa o sabemos, acostuma ser cíclica. Se os bos marchan xa sabemos o que queda. Os indignados de twitter e os que fan que Gran Hermano e Gandía Shore sexan líderes de audiencia.

Con sete millóns de parados non hai un só signo de revolución. Xa, a economía en negro e todo iso. Un goberno esmagando os avances sociais de corenta anos e tratando de regalar aos seus financeiros servizos fundamentais como a Educación e a Sanidade e ninguén os para. As marchas brancas, non me fodas, son o moderno opio do pobo. En trinta anos ningunha iniciativa lexislativa popular, iso de recoller medio millón de sinaturas para cambiar algo, foi admitida a debate. E séguenos votando. Xa non sei se é masoquismo ou estupidez crónica. Un sistema deseñado para manter no poder un bipartidismo maioritario que é escravo dos grandes capitais que o financian- A utopía máis grande deste país sería a tan necesaria reforma da lei electoral, para facela máis xusta e representativa. Pero claro, iso suporía a fin do espolio organizado e, mediante mecanismos do propio sistema, é imposible cambialo.

Atados de pés e mans, pois, estamos vendo como pagamos a factura do “despiporre” impune de tantos anos. Vendo como os primeiros en seren rescatados son os que causaron a crise. Vendo como estafaron sen vergoña a algunha xente sen posibilidade de defensa e ninguén lles dá dúas labazadas ben dadas e devolve todo o roubado. Vendo como menten uns e outros, aferrándose ás súas cadeiras de tres soldos mentres recortan o salario mínimo interprofesional  e pídennos cinicamente que apertemos o cinto. Que facemos mentres tanto? Manifestarnos pacificamente para que se sigan escarallando de nós.Entre eles intercambian DVD’s cunha selección dos “mellores momentos das manifestacións pacíficas”.

¿Onde están os mozos, os que terían que izar a bandeira da revolución?  Aichs… Esquecíao… Indignados en twitter e debatendo en foros os últimos roces dos dous parvos de quenda do Gran Hermano. A min, síntoo, o momento píllame moi maior para montar barricadas e demasiado novo para exercer de ideólogo, amén de que non teño nin a formación nin a capacidade intelectual para iso. Apuntaríame a un bombardeo con tal de cambiar algo, pero ninguén fai nada por alugar un B-52.

Diante dunha situación desagradable, a un só lle ofrecen tres opcións: asumila, cambiala ou emigrar. Asumila non vai coa miña maneira de ser e cambiala non vexo como podo facelo, así que só me queda a terceira, marchar. Analizadas diversas opcións, a islandesa terminou caendo porque alí fai como un pouquiño de frío de máis. Creo que Costa Rica, un país sen exército e con praias tanto no Pacífico como no Caribe é unha opción bastante interesante. Agora só queda atopar unha escusa mercantil para empaquetar os cds e os gatos. E atopareina, non teñades dúbida. O piso de Miño gardareino para vir de vacacións. Se algún día decidides facer algo de verdade para cambiar algo, podedes contar comigo.

4 Comentarios

  1. Albert, para min a cuestión non está en pasar de ser español ou non; se un repara un pouco, verá que ben podería rematar dicindo que pasa de ser galego, ou lugués. Ou piamontés, ou ateniense. Quérese vender a burra islandesa, pero desconfíe, malia as estampas idílicas dos suplementos dominicais. A cuestión non é de onde se sexa, nin sequera onde se estea, senón o que se é.
    Supoño que tampouco prestará atención ó ton xornalístico cando se fala da crise económica: por incrible que poida parecer lendo a esa xente, non é o final de nada. Isto pasará, o que quedará será a burricie.
    En fin, deséxolle boa viaxe. Dise moito iso de emigrar. Eu formo parte desa minoría que, se se embarcara nun avión rumbo a Munich ou Londres, sería repatriada por inútil ós dous días, porque eu só sei escribir. Comprendera, daquela, o certo distanciamento co que podo falar do asunto.

  2. Recoñeco que a expresión é buscada para chamar a atención. Tamén leo entre liñas unha certa resignación cristiana (enténdase a ironía, por favor). Iso de que “todo pasará” tamén seino. Pero… ¿Cando? ¿A Que prezo? ¿Faremos algo de mentres?.
    En fin… sego pensando no crowfunding para alguar un b-52 para lanzar una “little boy” no parlamento de Madrid para empezar de cero, que é o que necesitamos.

  3. Eu cristián téñoo sido, pero resignado nunca. Cando digo que os números vermellos pasarán é porque creo que iso é o que acontecerá. Sempre aconteceu. Do contrario, o mundo tería desaparecido despois do crack do 29.
    Resignado nunca, dixen, e así é. Antes podíase criticar por medio dun xuízo negativo, por medio do pesimismo. Hoxe iso xa non funciona. Se un intenta facelo, aparecen vinte columnistas (non é indirecta, naturalmente) a dicir que de tanto negativismo xa están servidos e que prefiren falar da primeira raiola de sol de cada mañá. E iso fan, pero máis nada. Deste xeito acrítico é como se permite que todo siga o curso que levaba.
    O da bomba é dato significativo. Tal parece ser o paso único para un novo comezo, en efecto, pois a democracia está capada, sen dúbida. E é significativo porque ese novo comezo sería o do final. Así e todo, o que ese comezo do final, se fora previsto, tería de positivo é que á fin a xente empezaría a vivir coma se o día presente fora o último, algo que arestora só acontece nas letras de certas cancións.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*