Nanotecnoloxía aplicada á literatura: un mapache na FIFA

Un artigo de Samuel L. Paris

Un mapache presentouse á presidencia da RAG. Conseguiu cubrir todas as instancias necesarias, convocar á prensa, explicar as liñas fundamentais do seu proxecto para a institución… e todo malia ser un mapachiño. O problema? Fíxoo todo nun perfecto castelán. Pobre mapache! Non entendeu que o mínimo é que falase na lingua de Beatriz Manjón. Ficou ás portas…

Samuel L. Paris

Un mapache colabora cunha lontra nun espectáculo poético-musical. A base do show redúcese a que a lontra interpreta na zanfona os catro primeiros discos de Black Sabbath mentres o mapache recita, ao revés, versos das mellores autoras galegas. Ai! A lontra sempre acaba trastornada. O mapache é un animal salvaxe que se acaba poñendo sempre moi nervioso ante o público até o punto de acabar atacándoo. No último número de “Tempos novos” o mapache sae na capa coa cella dunha nena do Carballiño entre as súas fauces. O titular é “Puto mapache cabrón”.

Un mapache escribe relatos curtos, agochadiño no fondo dun faiado. Os relatos teñen sempre o mesmo protagonista: un suposto pene de Yolanda Castaño. O ente non é, para nada, o centro da narración. Os relatos resultan dun gusto moi refinado. Sabe como tratar a materia textual. Os relatos, hostia, os relatos son o mellor que se escribiu na historia da Literatura Galega. Unha mágoa que sempre os acabe comendo. Os relatos nunca verán a luz.

Un mapache decide, con tres amigos, montar unha nova editorial. Deciden sacar varias coleccións para presentalas na próxima feira do libro. A colección central chamarase “Autolesións”, será a centrada no teatro. Foi idea do mapache. A colección de poesía chamarase “Autofelacións”. Os mapaches poden chegar a ser moi obvios. Por que os seus socios, que son maioría, non se imporían? Esta editorial apesta a fracaso.

Un mapache, empadroado no concello de Lupión (Xaén), monta un puto gabinete estratéxico monoanimal de expertos. O seu principal obxectivo: integrar no organigrama da corporación municipal un Equipo de Normalización Lingüística. Contrata espazos na radio local para expoñer as súas teses, escribe nun blogspot no que o banner principal aparece algo pixelado, contacta con persoas que entende que poden estar interesadas. O concello leva a votación a súa solicitude. No medio do reconto de votos, o mapache salta pola fiestra tras unha pomba. Tremenda perda de tempo para os politicallos de Lupión…

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*