Tiranos

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

Transformar un tirano no personaxe dunha novela implica para o escritor, sobre todo, enfrontar unha serie de riscos. O primeiro, non caer na tentación de desquite. Amosar, quizais demostrar, odios ante públicos probablemente cómplices, revelaríase pouco creativo e vulgar. Por iso creo que escribir unha digna novela de ditador é tarefa reservada a grandes autores.

Marcelino Fernández Mallo

Augusto Roa Bastos aceptou o desafío na década dos setenta, coincidindo con Alejo Carpentier (El recurso del método) e García Márquez (El otoño del patriarca). Antes, en 1927, Valle-Inclán marcara o camiño con Tirano Banderas, novela sobre un déspota imaxinario na que retratou coma nunca antes nin despois o perfil que podería tipificar o ditador.

Con posterioridade, atopamos exemplos tamén magníficos: en Leyenda del César Visionario, Francisco Umbral concentra a súa mirada sobre un Francisco Franco ditador incipiente que trata de fornecer, con ben pouco éxito, ao novo réxime dunha certa pátina de intelectualidade. Vargas Llosa retrata en La Fiesta del Chivo, máis que as vilezas de Trujillo na República Dominicana, a fonda miseria moral á que se pode condenar un home cando decide formar parte do séquito dun tirano. Incluso poderíamos incluír neste repaso críptico das novelas de ditador, e por visitar brevemente outro continente, Hijos del ancho mundo, a novela de Abraham Verghese que transcorre durante a ditadura de Haile Selassie en Etiopía.

Cada unha das obras anteriores consegue transcender a figura dos seus infames protagonistas. Mais Yo el Supremo, de Roa Bastos, consegue algo máis. A novela do autor iberoamericano eleva a literatura ó rango de arte esencial. O seu personaxe central, Rodríguez de Francia, ditador no Paraguai a principios do século XIX, preséntase afastado do prototipo de tirano e emerxe coma un home extremadamente complexo, pensador por diante do seu tempo, auténtico visionario –el si– do proceso independizador da América non anglosaxona e persoa sutil, culta e intelixente. Un tirano a quen se pode admirar que é asemade brutalmente cruel e mesquiño cos seus inimigos, xa fosen reais ou froito da súa paranoia. El Supremo amósase outrosí coma un ser solitario necesario dunha audiencia que recolla os seus pensamentos e a súa doutrina. Velaí o secretario, de segura ascendencia galega, Policarpo Patiño, predisposto ao equilibrio máis inestable entre o servilismo axexante e a expectativa dunha sucesión imposible.

Roa Bastos e Umbral, Vargas Llosa ou Valle Inclán, García Márquez e Alejo Carpentier, creadores que fixeron dos tiranos a cerna da súa fición realista. Neste intento fallido de democracia que vivimos hoxe haberían atopar igualmente nefandos personaxes para as súas sátiras.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*