Pontevedra, Foz, Monforte e Rianxo súmanse ás Feiras do Libro en 2013

A Consellaría de Cultura e a Federación de Libreiros presentaron este luns as Feiras do Libro de Galicia 2013. As dúas partes salientaron que este ano marcará un punto de inflexión no desenvolvemento das feiras. A razón primordial é que o número de feiras do libro pasa das sete do ano pasado a 11. Ás localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Viveiro, Ourense e Lugo, súmanse este ano a colaboración na organización das dos concellos de Pontevedra, Foz, Monforte e Rianxo.  Outra novidade importante é que haberá “un completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos”.

A cidade de Ferrol acollerá do 19 ao 23 de abril a primeira das feiras; Compostela terá a súa cita entre o 27 de abril e o 5 de maio; Lugo entre o 14 e o 19 de maio; Pontevedra entre o 21 e o 26 de maio; Ourense do 4 ao 9 de xuño; Vigo do 28 de xuño ao 7 de xullo; Rianxo, do 25 ao 27 de xullo. Dende o 1 ao 11 de agosto a cita será na Coruña; do 13 ao 16 en Viveiro; do 17 ao 20 en Foz; e Monforte pechará as feiras de 2013 entre os días 22 e 25 de agosto.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*