VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos concluirá o 1 de marzo de 2013 e o fallo do xurado darase a coñecer arredor do 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XIII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. O material, asinado baixo lema ou seudónimo, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en outubro de 2013.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*