Outro día máis de traballo

Un relato de Pily Dopazo

Outro día máis de traballo, e non me queixo non pensedes, as cousas estanche moi mal como para queixarse…

“Miña rula, acaba de soar o despertador, é a hora de marchar”.

Pily Dopazo

Eran as 3 da mañá do 30 de Decembro. Como cada día á mesma hora, tocaba erguerse da cama, enchouparse naquel chandal vello, naquel xersei tecido hai tempo pola miña santa para que non pasase frío e cubrilo todo pola roupa de augas.

-Non pasa deste ano novo sen que merque outra, por esta xa pasan ata os peixes cara o meu escuálido corpo.

Pensaba no próximo ano como no ano de cambios, de tirar con todo o vello e renovar ata os pensamentos, esta vida non era tal…

Acabado xa de uniformarme, baixei á cociña, a plancha inda agantaba algo de quentura dos últimos paus botados o lume. Pousei o cazo da leite e senteime alí ao lado quentando o corpo namentres esperaba a que estivera para tomar.

Xa almorzado saín da casa en dirección o peirao. Non había máis que unha estrada que atravesar e o camiño que levaba ata o meu posto de traballo, un barco feito de madeira había anos no carro de Praceres. En nada tocaballe ir a reparar, según dixo o armador “aproveitarei os primeiros días de ano para darlle unha boa capa de novo, e vós teredes uns días para descansar”.

Dun chimpo xa estaba alí dentro, Miluco, o fillo da Coluquiña estaba acabando de meter os víveres, tabaco para día e medio, viño de cartón e unha muda, todo ben aquelado nunha saca coas iniciais E.N.M., aquela saca que o levara hai anos ata Ferrol para facer o servizo militar.

Castelo, o seu cuñado, foi o encargado de soltar amarras, quedaba por diante hora e media de travesía, fondeariamos fóra de Ons.

O tempo estaba poñéndose mal, o parte avisara de que ía mar de fondo e temporal no mar pero para o armador non era nada novo saír faenar houbese o tempo que houbese, e menos a dous días de fin de ano, decía que de nos dependía que houbese peixe fresco e algún marisco nas mesas das xentes do lugar.

Dun minuto a outro o mar púsoxe bravo, as ondas pasaban por riba da pOnte, o barco levábanos de babor a estribor con cada golpe de mar, non eramos quen de manternos en pé, parecíamos monicreques a mercé do vento e da auga. Nos anos que levaba embarcado nunca tal vira e iso que xa fun naúfrago por duas veces alá polos mares do Gransol. O temporal chegou nun abrir e pechar de ollos, tal foi así que non houbo tempo nin de baixar os camarotes.

O mar batía con bravura contra nos, non eramos máis ca un barquiño de papel nos xogos de auga dalgún encaprichado rapaz.

“Corpo á auga, Xabier caeu ao mar, botade salvavidas, botade cordas, botade unha chispa negra pero axudar a Xabier que se nos vai”.

Sentín os berros de Miluco, a desesperación era palpable en cada palabra, o apuro e o medo saían daquela gorxa en cada respiro de aire.

“Movédevos hostia! Apurade que o perdemos!”

Miluco seguía a berrar .

Sentín como a auga entraba por canto recuncho había, vinme indo dun lado a outro, en nun dos berros repetidos e desesperados de Miluco, dinme conta de que pedía axuda para Xabier, estaba pedindo axuda para min, aquel home que caera ao mar non era outro máis ca min!

Quixen gritarlles de que estaba alí, ao seu lado, que as botas estaban cheas de auga e tiraban de min cara ao fondo, que non agantaría moito máis, pero cando abrín a boca entroume o sabor salgado daquela auga que tanto me dera e que, agora todo mo ía quitar…

“Miña rula, acaba de soar o espertador, é hora de marchar”…

1 Comentario

  1. pily quedouche precioso o relato tes unha imaxinacion increible que nos engancha sigue asi quero ver o seguinte moitos bicos !!!!!!!!!!!!!!!!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*