Mellor sen razón

Un artigo de Vidal

Xa vai aló un ano longo desde a miña primeira colaboración nesta web. Cando ma ofreceron, dixéronme que era para a sección de Opinión, e iso é o que vin facendo. Nesta sección hai máis ben un pouco de todo, e paréceme moi ben, pero eu vin escribindo sobre todo opinión.

Vidal
Vidal

Direino dun xeito máis “popular”: opinar implica botar a lingua a pacer. Hai quen prefire absterse de facelo, imaxino que por prudencia. Eu iso, e sobre todo sensatez, xa nunca tiven demasiada; é conclusión doada de tirar atendendo, polo menos, ó que é a miña vida ultimamente. Aparte de por esta carencia, se eu boto a lingua a pacer non é por (chamar a atención ó) provocar, nin moito menos por insultar. O primeiro, caso de levar un tal intención, é raro que funcione, por artificial; ademais, provocadores xa hai mil e dous, e non imos contribuír a acrecentar a saturación no sector. O segundo, sinxelamente nunca o pretendín.

Nin sequera podo dicir que nos meus artigos procure criticar nada nin a ninguén. (Refírome a criticar como algo pexorativo, crítica destrutiva.) Non. Máis que unha crítica, son a expresión dun desexo. Explícome:

Hai en certo programa deportivo radiofónico un locutor famoso por errar nunha porcentaxe elevadísima canto agoiro bota pola boca. Ás veces, este locutor, consciente da súa enorme falibilidade, prognostica á man tenta, por exemplo, a derrota dun equipo polo que é sabido que sente simpatía. Facendo isto, está formulando o desexo de que ese equipo gañe.

Pois eu, malia non ser gafe (ata onde sei), busco un efecto semellante. Cando indico algo que me parece que se está a facer mal ou que acho incorrecto, non quero levar razón. Moi ó contrario: quero que ma quiten. Velaí o meu desexo: que me deixen quedar mal. Dicía máis ou menos Isaac Díaz Pardo (del gustábame a forma en que semellaba non tomarse en serio a si mesmo, algo moi san e infrecuente) que en galego un podía escribir o que lle petara, porque ninguén o había ler. Obviamente, comprendo o que é un articulista. Nunca o Papa me veu facer consulta ningunha, nin coido que vaia vir. Pero un é, alá no fondo, un algo optimista. Quere que lle quiten a razón con feitos. Coida un que os milagres precisan dun pequeno empurrón.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*