Editar a Obra Completa de Vidal Bolaño

Un artigo de Paco Macías

Son moitísimos os motivos para editarmos a Obra Completa de Roberto Vidal Bolaño. Non os diremos todos. Hai que deixar balas na recámara, non se poden gastar todas. O mesmo disparo aborrece ao máis pintado, dorme mesmo ás moscas. E isto non é ningunha xira promocional.

Paco Macías

O principal motivo é a inmensa calidade literaria do autor. ¿Coñece alguén máis calidade na literatura galega de todos os tempos? Que este autor tivese obra inédita, ou tan espallada que ás veces era imposible atopar, debería facernos meditar de cómo facemos as cousas. E o mundo editorial non debería quedar á marxe da autocrítica. E os críticos literarios, e os centros de estudos, as universidades…  Aquí somos todos un pouco Rajoy, deixamos que as cousas vaian indo. Sabemos que imos ao pozo, pero como aínda non caemos nel daquela non nos preocupamos. E cando caiamos diremos que nos empurraron.

É por iso tamén que as oportunidades de facer as cousas mellor son inmensas. Fixéronse tan escasamente que sempre se pode mellorar. Preferimos velo así.

Diciamos que RVB ten unha calidade literaria tan asombrosa que costa entender o seu “descoñecemento”. Hai un par de ano aceptamos o reto de publicar a Obra Completa de RVB.

O nomeamento como autor homenaxeado no Días das Letras Galegas 2013 cachounos no traballo e obrigounos a pisar o acelerador, a meterlle ferro. E niso estamos.

Vidal Bolaño é unha fortuna para calquera literatura. A inmensidade da súa obra, a valentía do seu atrevemento, a lucidez da súa escrita, as historias que conta, os personaxes  que debuxa,… RVB é un mundo, é unha literatura que fala da “xente do común” sabendo que son cultos.

Outro motivo é a admiración persoal. Pouca xente vin tan intensa, con tanta paixón no seu traballo. Alí no que el se metese había sempre unha intención cualitativa, e paixonal. Tirou para adiante, por exemplo, do magnífico AGASALLO DE SOMBRAS malia a oposición de moitísimas persoas que non querían oír a Roberto falar de Rosalía, da súa época, dos silencios verquidos sobre ela e o seu tempo…, pero RVB non se deixou intimidar por vaqueiros trapalleiros, el, que ás veces mesmo se tiña por un John Wayne no escenario da cultura galega. Desenfundou a súa creatividade e o seu carácter para defender esta obra, e outras, e outras… Disparou atinadamente co seu colt, e tamén co teclado. E nós cubrimos, nesta retagarda, a este vaqueiro que saíu a peito descuberto a disparar falando e escribindo libremente.

Somos retagarda porque sabemos que estas OBRAS COMPLETAS “…non quere ser teatro somentes para ler. No entender de quen isto escribe, o teatro só é tal cando é un feito compartido: actores e xente xuntos. A calor, e as imaxes, e a palabra e o bruído. Todos arredor dun mesmo anaco de vida. Dunha vida nova, diferente, tan certa como a que máis, pero creada exprofeso para que non nos poida a outra, a que nos dan cada día, que se non sempre vén porca, tampouco vén limpa a cotío”.

Así falou Roberto no seu RUADA DAS PAPAS E O UNTO. E para iso o editamos nós.

 

1 Comentario

  1. A OBRA de Roberto Vidal Bolaño é inmemnsa.
    Ten razón aquí o Macías cando fala do AGASALLO. Esta obra debería ser lectura obrigatoria. É asombrosa a valentía do autor; adiántase ao que moitos andan agora a dicir que hai que facer coa obra e a vida de Rosalía.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*