A noite branca

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

Aquelas cartas atopadas nunha caixa de marmelo resultaron a semente fértil da cal naceu A noite branca. Branca pola neve caída durante o sitio a Leningrado; outrosí dos lampos producidos polos bombardeos.

Marcelino Fernández Mallo

A memoria é o lampo da historia e tamén a historia dos vencidos. A noite branca é exercicio de memoria, liturxia dos vencedores que ó cabo terminaron esquecidos tal que derrotados. A literatura creouse para novelas como A noite branca. Para exercicios que glorifican a capacidade de narrar e o privilexio de ler.

O sistema literario galego fica en débeda con Chisco Fernández Naval. Por devolvernos a esperanza a quen pensabamos que as nosas letras agoniaban esmagadas por un réxime galegofóbico, unha sociedade anestesiada e unha industria impotente. Fernández Naval colleu a caixa de marmelo e unha autocaravana e alá marchou ata Novgorod. Deliñou o mesmo percorrido que setenta anos antes fixera o seu tío Alfredo alistado na División Azul. Diso trata A noite branca, dunha aventura posiblemente inconsciente a través de Europa, e das tantas ópticas alternativas das que fornece unha guerra.

Rastrexou Fernández Naval coa paciencia dos recompiladores de antoloxías, investigou coa destreza dos buscadores de tesouros, mesturou coa precisión dun catedrático de ciencias exactas e, finalmente, compuxo coa arte do máis fino violinista. Compuxo esta auténtica apoteose literaria que é A noite branca.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*