Rodaron cabezas e comeron a eito

Un artigo de Xurxo Martínez

Unha das imaxes que máis me abraiaron de cativo, ao revisar as fotos dos libros de historia, é aquela ilustración onde aparece unha guillotina e, ao seu carón, un ghicho levantando a cabeza do rei Luís XVI.

Xurxo Martínez

Despois souben que aquel despece simbolizou a chamada Revolución Francesa e a chegada da república. Non foi doado en Francia acadar o réxime republicano e tivo que pasar por outras experiencias monárquicas (algunhas máis liberais e outras máis conservadoras) ou imperiais (coa familia Napoleón á cabeza). A consolidación do sistema republicano precisa de moitas experiencias e de moitos vaivéns.

Rodar, rodaron moitas cabezas na historia (e non no sentido figurado aínda que neste se faga urxente as que restan, comezando pola familia que Valle Inclán ridiculizou con aqueles versos: “Cabrón el tatarabuelo, un canalla el bisabuelo, puta y reputa la abuela…”).

En Galiza coñecemos a historia do Mariscal Pardo de Cela, traizoado por vinte e dous xuncras, segundo nos contou o “Pranto da Frouxeira”. O cabezallo de “Pero Pardo, meu señor”, rodou pola praza de Mondoñedo mentres a súa dona fora enleada por uns monxes na Ponte do Pasatempo. E despois veu Manuel Leiras Pulpeiro (de quen celebramos o centenario da morte) para darlle máis eternidade coa poesía e Antón Villar Ponte para dotalo da fasquía de símbolo nacional. Mesmo chegou a propor o viveirense o 17 de Nadal (data da execución) como o día de Galiza fronte o relixioso 25 de xullo (proposta que acadou o apoio maioritario na asemblea das Irmandades da Fala de 1919).

O que pouca xente sabe é que a cabeza doutro monarca xa rodara por diante do pobo en Inglaterra en 1649. Era a de Carlos I, da casa dos Estuardo. Del lembro un retrato que había nos libros de arte e que asinaba Van Dyck. O absolutismo de Carlos I valeulle a xenreira popular, e a cabeza.

Disque Oliver Cromwell, un dos líderes revolucionarios, permitiu que se cosese a cabeza do monarca ao tronco corporal. Unha decisión inhabitual. Afortunadamente para o meu maxín de neno non mirei ilustracións daquel corpo remendado. E aínda menos mal que non existía a fotografía!

O que si resulta dun humor macabro é o tributo que a Calve´s Head Club realizaba ao rei deposto. Reunidos cada 30 de xaneiro (día da decapitación), os membros daquel club celebraban cun xantar a morte. Con afán de escarnio, este era o menú do día: cabeza de bacallau que representa a Carlos I, cabeza de lucio que presenta a tiranía, cabeza de xabarín que representa ao rei avasalando os súbditos e a cabeza de becerro que son Carlos I e seareiros. No medio, no canto dun cetro de flores, había un machado.

Todo, á saúde do rei.

Compartir
Artigo anteriorPily Dopazo
Seguinte artigoSexamos árbores

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*