Senectude anticipada

Un artigo de Vidal

Vidal

Ás veces, topo con rapazolos de 10 ou 14 anos que me chaman señor. Xa sei, é aí onde un comeza a decatarse de que pasou dos trinta e lle principia a branquear o cabelo e tataratá… Pero non. Aparte de ter eu, de feito, as sens e a barba algo brancas, e de que se trabucan ó coidar (se o coidan) que hai algo de cabaleiro en min, refírome a que semellan ver nun un individuo perigosamente próximo ó estado adulto pasivo. E é certo: en moitos aspectos, compórtome coma un vello. Vida social máis ben escasa, actividade diaria non moi movida, rutina, demasiado tempo para segundo que cousas… Cando me cruzo, camiño do supermercado ou da libreiría de prensa cun supervivente da emigración a Alemaña de aspecto septuaxenario e ollar canso, dese de ter visto moitas na vida, teño a impresión de que me observa con certa complicidade: como se observa a un igual. Se non coñecestes experiencia similar, aclárovos que, polo menos no meu pelexo, resulta desacougante. E estraña, coma o aspecto exterior de Manuel Rivas cos anos.

E, con todo, sendo un mozo vello como son, hai mozos que, malia vivir en aparencia coma mozos, veñen sendo ben máis vellos cá min.

Teño lido nalgures un relato no que un famoso e veterano novelista asistía a unha reunión con outros, máis novos e menos famosos, dun xeito moi orixinal: enviando outra persoa disfrazada del, mentres seguía toda a acción en segundo plano, disfrazado á súa vez. Ó final da reunión, o falso novelista convidaba ós mozos a uns grolos no bar de alí a carón. Case todos saían ó seu rabo enfervorizados, sen pensalo medio segundo. Todos agás un, se non lembro mal: o máis perspicaz, que xa antes se decatara da impostura.

Por que conto isto? Porque moitos escritores novos en idade en galego lémbranme a eses mozos. Escriben con coidado, teñen o dicionario e o manual ben aprendidos, anos de universidade e se cadra anos entre Londres e Nova York para saber escribir algo que amose que viron mundo… E fano, si. Mais, e velaí a cuestión, acho que a forza da xuventude non guía a súa man. A imitación é o motor de moitos escritores, sempre o foi. Semella razoable. A min, en troques, antóllaseme precipitado. Eses mozos están a pegarse un tiro no propio pé. O paso da mocidade á madurez dun escritor adoita implicar que gañe en aspectos coma o técnico, pero perda de xeito irreversible noutros, coma en ousadía e imaxinación. Grande perda para desexar que suceda tan axiña.

Para membros de xurados e críticos varios, tal “precocidade” é un “prodixio” e “motivo de festa” para a cultura galega. Para min, é apagar unha chama excepcional cunha presada de cinza. A xuventude, entendo, é para expresar outras cousas. Outras emocións, outras percepcións. E para facer o contrario do que esta xente fai: para non prestar atención cando te avisan de que volvas á casa antes das once.

3 Comentarios

  1. Hai de todo, pero é certo que ás veces a un pónselle cara de paparroibo cando ve certas críticas que poñen polas nubes a xente que está empezando. Xa se sabe que o que non ten padriño non se bautiza, e na literatura tampouco.

  2. Moitas gracias por comentar, Diego e Ringo.
    Ringo, cando escribín iso de aí enriba non me estaba a ciscar en ninguén. Soamente entendo que, se un decidiu escribir, debera ser para facelo coa súa propia man, e esa man ten que pegar coa súa propia forza, coa que se supón que se ten.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*