Literatura de ultratumba

Un artigo de Xurxo Martínez González

O nome de Chateaubriand axiña nos sitúa nas páxinas fundacionais do romanticismo francés. Unha figura controvertida polas súas ideas ultraconservadoras pero dun indiscutíbel talento literario que fascinou a Castelao, Risco ou Ramón Otero Pedrayo, quen lle profesou unha longa admiración.

Xurxo Martínez
Xurxo Martínez

Por algún sitio lin que don Ramón de Trasalba pedira ser soterrado cun exemplar d´As memorias de ultratumba, do citado autor galo. En realidade son unhas densas memorias, non exactamente unha autobiografía, da propia vida do escritor e pensadas para publicar postumamente. Estamos ante un retrato fascinante da época, unha reflexión saudosa e romántica dunha transformación histórica que se desfacía dos farrapos do absolutismo para apertar a quentura do pensamento liberal.

A ultratumba é a vida máis alá da morte. O libro de Chateaubriand non é exactamente un lenzo do alén aínda que a obra foi publicada xa morto e, dalgún xeito, son as cavilacións dun defunto. O caso é que a literatura galega, nunha contribución á literatura universal, recolleu a esencia da ultratumba.

Vicente Risco, mente rebuldeira e atentísimo observador das tendencias europeas, fixo un lugar para este estilo. Do caso que ll´aconteceu ao Doutor Alveiros (1919), un relato onde un médico é convidado a participar durante un tempo no cotián dos mortos.

Castelao deixounos a cativa obra de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), saída da editorial Céltiga, que nos describe a vida dos nosos defuntos e a danza macabra, tendo de man a retranca e o humorismo tan vivo no rianxeiro.

Despois do paso de Atila por Galiza atopamos unha outra obra de mérito: As crónicas do sochantre (1956) do inigualábel Álvaro Cunqueiro. Aventuras do sochantre de Pontivy nunha peregrinación dentro dunha carroza de mortos.

Porén, coido que o motivo da ultratumba non convocou ás musas dos nosos poetas. Descoñezo a existencia dalgún poemario dedicado á vida do máis alá. Hai poesías de fonda reflexión vital que se adentra no eido dos defuntos pero non se me ocorre unha obra completa dedicada a esta temática.

Quen sabe se a nosa arte, e penso agora no lenzo de Laxeiro da vida do trasmundo ou o lugar ideal dos mortos do brillantísimo e escasamente reivindicado Urbano Lugrís, fai certo aquel dito barresián de que a patria son a terra e os mortos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*