Ítaca

Un artigo de Celia Parra

Cando marches rumbo a Ítaca

has pedir que o camiño sexa longo

cheo de aventuras, cheo de coñecemento…

Kavafis

Celia Parra
Celia Parra /Foto de Xesús Fariñas Navarro

Sigo navegando cara a Ítaca. Despois de tantas travesías, aprendín a ser funambulista sobre as vías do tren, a voar a cabeza por enriba de nubes e cidades. Para Ítaca non valen os mapas. Nin os manuais de instruccións, nin os “en caso de emerxencia chame ó…”

A miña andaina parécese moito a un longo corredor do metro. Unha fileira de luz ilumina o traxecto en cenital. Ós lados, muros comestos polo tempo e a humidade, rabuñados por palabras que aspiran a apreixar algunha forma de permanencia (“Alberto estivo aquí”).

Entre as paredes, moita xente. Cada un cunha dirección nos pés e outra na mirada. Uns bailan ó meu redor e cóllenme do brazo. Outros chocan comigo e deteñen os meus pasos. Outros míranme ós ollos e o tempo detense e semella que os coñezo por un segundo.

Dalgún recuncho sae música de acordeón, e unha voz reverberada besbexa melodías en idiomas incomprensibles.

Ó longo do corredor hai moitas saídas, unha a cada lado. Cada dous pasos aparece unha, co seu respectivo corredor, co seu respectivo balbordo de xente, coa súa respectiva melodía.

E nunca sei cal coller… Ás veces asómome ata chegar ás vías. Calculo a lonxitude do corredor. Entenderei o idioma das cancións e as xentes? Haberá saída?… E moitas veces, tamén, retrocedo e volvo ó corredor central, tanteo uns pasos cara a outras vías, volvo atrás, a luz cégame os ollos…

Abofé que o camiño é longo, cheo de aventuras pero, sobre todo, cheo de coñecemento. Eu sigo navegando.  Só espero dar coa saída axeitada e chegar a tempo para coller o último tren, que é sempre o que marca o principio da nova viaxe.

Ítaca, a fin de contas, son eu.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*