Hostiazos literarios da música do país (3 de 3)

Un artigo de Samuel L. Paris

Remato con esta espesa escolla, da que tantos hostiazos ficaron fóra. Tanto ten. Non é cuestión de mirar atrás, pois o post-coito podería ser brutal. Abaixo o amor. Bailas ou que? Imos alá!

7. E non mires atrás!

[The Brosas, “Fuxe”]

Samuel L. Paris

A soidade é combustible: octanos a hostia limpa. Pódese fuxir correndo, berrando ou calado… Se o futuro é o que temos diante, será sempre o que imos ver. Para que mirar atrás? A melancolía, a nostalxia, a puta morriña… Amancio Ortega estomballado no Panteón de Galegos Ilustres rillándose a si mesmo as pelotas fronte a trescentos cativos con síndrome de alcólico fetal montando un bo pogo.

Un concentrado estrondo do país enteiro leviatanizado a base de cuspe e pus.

Fuxe!

8. E xa non sei que é de ti, nin onde carallo estás,

pero xúroche por deus que me dá igual.

Púdrete! Púdrete! Púdrete! Púdrete!

Só quero recuperar ese tempo que perdín.

[Kästoma, “O tempo que perdín”]

Os Resentidos fixeron, coma quen di, o seu traballo, mais os resentidos somos nós. Somos os borrachos (ocasionais?) que che berramos “púdrete!” ao tempo que che reafirmamos, previa autonegación sintomática, que tanto nos tes. Os Resentidos morreron, mais os resentidos continuamos impoñendo a nosa lei ácrata. A vitoria só se poderá conseguir a través da incoherencia e o rencor. Xurar por deus que non imos poñer a outra meixela (cristo mal).

Todas nos minten e viven para contalo e de nós non se agarda nada máis. A esquizofrenia nunca tivo mareas. Dicimos que vivimos ao noso xeito, mais estamos a mentir. Estas son as nosas cicatrices. Lambédeas!

Confiemos en que todas as boas guerras (todas as boas historias) continúen sendo sen motivos convincentes.

9. Hai que saír esta noite cos zapatos de esmagar caracois,

o sorriso dun rinoceronte e os acordes de “Search & destroy”.

[Ataque Escampe, “Misión de audaces”]

Hai esperanza desde o momento no que se atopa (non se encontra) a rima deste hostiazo. Organicidade. Guepardos. Rinocerontes. Napalm.

Iggy Pop saíndo á rúa cos caracois on parade. Os caracois son síntoma de que escampou. Esmagalos sería como cortarlle a cara a unha rapaza bonita de Vigo (ou Redondela). Destruír beleza. Somos fillas fuxitivas da bomba atómica e namorámonos no medio de tiroteos (azucre e cervexa). Alguén terá que nos salvar a alma, mais, mentres todo iso chega, seguiremos bailando.

Bailando fatal.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*