Autoridade (Divagacións)

Un artigo de Vidal

Vidal
Vidal

O vulto era grande coma medio balón de balonmán. As abellas bulían nel, bastante acougadas en aparencia, con cinco ou seis sobrevoando a obra. A min, polo menos, nada me fixeron, e pasei a menos dun metro delas. Non tiña pensado dar parte, mais os bichiños decidiran armar a colmea non no medio do monte, senón no casco histórico lucense, nun dos muros do xa algo esmendrellado cuartel de San Fernando. Por alí preto hai unha academia de inglés á que asisten nenos pequenos, e moitos volven á casa a pé canda seus pais pola mesma rúa, pasando á beira do mesmo muro.

Encamiñeime logo á comisaría da policía local. Houbo sorte: un par de rúas máis abaixo, en Viños, estaban dous axentes a requisarlle a mercadoría a un manteiro de aspecto subsahariano. Achegueime, pedín a venia e pasoume o de sempre.

O de sempre. Pois, dar, ben lles dei explicado o problema. Escoitáronme cunha indiferenza típica do gremio, segundo máis dun residente; dubidei que comprenderan por que cumpría retirar a colmea do muro. Pero certo nerviosismo crónico meu perante as camisas celestes, as botas de corte militar e os distintivos policiais fixo que me saíra todo (coido que) cunha voz algo franquista, feble e tomada; houben coller folgo para dicir correctamente “colmea”.

E é que algo me pasa perante a autoridade que se me funden algúns fusibles. Cada vez que vexo un coche patrulla non podo evitar seguilo coa ollada, a ver se se vai indo ou para á miña beira. E nunca estiven en reunión ningunha dos do 15-M (si, iso semella punible en 2012), nunca lle metín un tiro a un veciño, nunca roubei material nunha obra e nunca atraquei unha gasolineira. A miña ficha está en branco.

E sen embargo, fica a inquietude. A presencia da autoridade méteme no corpo a remota sensación de que, tarde ou cedo, e sen ser consciente de ter feito nada para merecelo, virán por min. Coido que o risco existe. A deriva deste mundo vai sendo policial: diríase que, se non é hoxe será mañá, calquera cousa que un faga será interpretable, dun xeito ou doutro, coma delito. Sen ir máis lonxe, dádelle o poder ós que se comportan coma se foran propietarios e non inquilinos do goberno dun país e a saber en que pode parar a charlotada.

Se ó final acontecera e eu resultara delincuente sen saber por que, non sei por que me da que o meu compañeiro de cela sería algún humorista sen gracia. Mágoa, tantas veces, que a vida non sexa coma nas cancións: porque morrer coma o Matador aquel de Los Fabulosos Cadillacs aínda non era mala morte, á vista do presente.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*