Poesía polbo á feira

Un artigo de Celia Parra

¿Qué es poesía?… dis mentres cravas a túa crítica no meu poemario azul…

Celia Parra
Celia Parra /Foto de Xesús Fariñas Navarro

Nunca unha pregunta, salvando o caso do “quen somos, de onde vimos e a onde imos”, obtivo ó longo do tempo tal disparidade de respostas. E ningunha delas definitiva. Durante o denominado “Século de Ouro” da poesía castelá, por exemplo, estaba ben claro o que era un poema: unha sucesión de versos rimados, estruturados por unha determinada métrica, coa función de transmitir unha determinada sensación. Mais, segundo imos avanzando cara ó momento actual, os límites desa definición vólvense cada vez máis difusos. Gracias á aceptación do verso libre, o tema-teima da estrutura e rima xa quedou solucionado. Pero, que pasa co sentido? e coa materia poética? e coa intencionalidade?

Un poema non ten por que ser bonito, agradable á vista/lectura, de expresión elevada e intelectual. A poesía tamén rabuña, morde, incomoda, abraia, descoloca. Agora ben, a diferenza entre o que pode ser considerado poético e o que non, xa é moitas veces cuestión dunha “delgada línea roja”. E non precisamente recta.

Do mesmo modo que a beleza xorde, segundo o misterioso Conde de Lautréamont, do “encontro fortuíto dunha máquina de coser e un paraugas nunha mesa de disección”, a poesía agroma tamén das combinacións máis inesperadas. Xa o adiantaban os surrealistas coa súa poesía automática, Burroughs cos seus cut-ups desde a Xeración Beat, ou mesmo o inclasificable Antón Reixa. Agora que estamos de volta de todo, é tempo de facerlle un lavado de cara á poesía ó máis puro estilo Ecce Homo . E, na miña opinión, non vamos por mal camiño.

Fixemos nosa a máxima de “a arruga é bela” e cada vez hai máis iniciativas que contribúen a desamañar o traxe plisado e ben planchado que o panorama literario vestiu durante moito tempo. Ciclos coma o Picaversos, que trouxo ó Modus Vivendi de Compostela a máis variada selección de voces, música, teatro e performances. Ou os xeniais combates de Os Poetas da Hostia, que mesturan retranca, risas e rimas. Ou o remix fotograma-palabra da videopoesía. Ou, mesmo fóra das nosas fronteiras, ideas como os recitais por interfono. E mil nomes máis que me quedan no tinteiro e é mellor ir descubrindo ós poucos, na rede ou en carteis espallados polas rúas.

A nosa é unha “poesía polbo á feira”, que estende os seus tentáculos para abrandar os corazóns-cachelos dos lectores. E por iso cada vez hai máis bocas famentas dispostas a devorar versos de sabores exóticos. A poesía pasou de ser menú gourmet a converterse na tapa estrela de moitos bares. Porque as comidas máis divertidas son as que se comparten, non? Pois todo o mundo á mesa, que as estrofas fumegan!

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*