Hostiazos literarios da música do país (2 de 3)

Un artigo de Samuel L. Paris

Samuel L. Paris

Ben. Logo de deixarmos escapar setembro (temos setenta para setentembro) e agardando que outubro nos cague novamente na alma, énos tempo de retomar as entradas á altura da gorxa que nos manda a música das bandas de aquí. No anterior artigo tocou poñer as gónadas a mollo no entredentro da música da Familia Caamagno, John Happy Driver e Fluzo. Desta volta, toca deitar o cu sobre leiras de alcatrán e collerse un peido de indometacina.

4. Dispara!

[Telephone Rouges, “Helio”]

Saír á rúa a disparar. Morrer en Moscova e reinterpretarse en delay. Vlado Gudelj corréndose nunha caixa de bombóns. Durmir nunha pensión sen o carisma suficiente e disparar.

O mellor de disparar (alén da caluga cara a que apuntes) é a sua verbalización, isto é, a transformación do disparo en carne grazas á palabra mesma. O estalido, a pólvora, o percutor… sucedáneos. O disparo é o monocordismo, a repetición, a cadencia da batería, a distorsión, a palabra. Os soldados non deixan de ser soldados malia á súa propia putrefacción interna: deus merece un disparo entre os ollos.

Dispara!

5. Nin para ti, nin para min.

Eu ben sei que o que queres é sufrir.

[Samesugas, “Muito para ti”]

Aceptar consellos ou mesmo confiar na nostalxia. Crer na ecuación invertebrada familia-parella-grupo de amigos. A sedución é unha arte que se escoñou xa hai tempo. Horas.

Calquera persoa que teña corazón, e non unha pedra negra inzada de cabelos de can, debería ter unha única reacción ao escoitar esta canción: saír á rúa e sacar das mans de todo o mundo as guitarras españolas ou acústicas e gramparlle unhas eléctricas entre peito e peito. Podemos sufrir sempre que así o decidamos.

Podemos sufrir para mellorar ou para empeorar.

Fagamos o que fagamos, ímolo facer a toda hostia.

6.Antes era diferente: rivalidade entre LEGO ou TENTE.

E agora do sofá non somos máis que compoñente.

A realidade é dixital. O zume, pouco natural.

Quedaremos sen dactilares con tanto cambio de canal.

[Gendebeat, “Coida deles”]

Gendebeat é un metal líquido xerado tras a fusión de catro mil instrumentos nunha gorxa melodicamente percutiva.

Correr e escarallar os xeonllos contra a grava. Vivir riscos innecesarios (porque dicir “necesario” é entregarse). Botar un rebumbio na porta de garaxes alleos. Nostalxia que nace do odio ao sistema, nostalxia que escapa de hedonismos aburguesados. Desautomatizar as miradas. Rachar as pantallas! O primitivismo naceu hoxe.

As coisas surgirão como realmente são.

 

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*