A advertencia de Amado

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

Dona Flor e seus dois maridos é un deses romances baianos de Jorge Amado que se abanea xentilmente entre a crónica costumbrista, a sensualidade desenfadada e o chamado realismo máxico. Reproduce, tal como se había esperar, esa escritura voluptuosa do escritor brasileiro que o leva a presentar a novela como una historia moral e de amor, coma unha “asombrosa batalla entre espírito e materia”.

Marcelino Fernández Mallo

Doutra batalla quere tratar o presente artigo. Dunha contenda entre realidade e fición que Amado deixa para sempre sentenciada nos prolegómenos da novela cando escribe o que titula “Preámbulo enfático e vago para amigos e laretas”. A todos, autores e lectores, interesan as palabras do ilustre escritor.

“Un feito repítese, constante e monótono, ante a publicación de cada novo romance…: hai sempre un petulante que se mete na pel dalgún personaxe e proclama con grandes gritos o escándalo… Para empecer que ocorra o mesmo desta vez, o autor avisa de que ninguén se atopa retratado nesta novela. Identidades de nome, profesión, idade, detalles físicos ou morais, fealdade ou beleza, celibato, matrimonio ou concubinato… virtudes e vicios, calidades e defectos, en fin, sen excepción, terá sido a clásica, pura e simple coincidencia… Calquera parecido entre a realidade da vida e a realidade da novela –unha nacendo da outra e recreándoa– é consecuencia de experiencia e busca; pero se, por desgraza, algunha semellanza existise entre persoas reais e personaxes da novela, terá sido casual e inocente, a veces divertida, coincidencia…”

Permítaseme a autocita: Un texto así habería eu ter incluído en Pallarega, e algúns anos antes en Cabilia, incluso en Klásicos (A trenza salvouse do andazo), e de tal xeito tería evitado correos acalorados, xenreiras sempiternas, chamadas insidiosas, choros a destempo (non meus!) e ata inútiles peticións de informes. E un queda ás veces coa gana de escribir unha novela sobre o que deu acontecido despois da publicación daqueloutra novela.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*