Xullo e o Teatro Galego

Un texto de Carla Capeáns

Faremos un breve percorrido polas novas máis destacadas do teatro galego durante este mes de xullo. Velaí…

XXVIII Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia [do 21 ao 28 de Xullo]

O 21 de Xullo inaugurouse a XXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia dirixida por Roberto Pascual e que se converteu nunha das mostras máis importantes e destacadas do país. Foi no ano 1984 cando se celebrou a 1ª edición da Mostra que contaba na súa programación con espectáculos chegados de Italia, Francia, Catalunya, Madrid e Asturias. Entre as compañías galegas invitadas a esta primeira edición destacan o Centro Dramático Galego co espectáculo Woyzeck; Teatro Titirití con A Cova do Rei Centoloou Teatro Caritel que poñía en escena Isto non é serio, señores!.

Carla Capeáns

Xa pasaron 28 anos dende esa primeira edición. A mostra foi medrando e agora é unha referencia. Na presente edición, que remata o sábado 28 de Xullo, chegaron a Ribadavia compañías de Arxentina, Francia, México, Italia, Portugal, España, Cataluña, Cuba e Bélxica. Desta vez foron seis as compañías galegas invitadas a esta 28ª edición da MIT: Viravolta Títeres con Cantares de cego; P.T. Excéntricas con Oeste Solitario; Elefante elegante con In; Caramuxo Teatro co infantil Historia dunha semente, a ESAD de Galicia que estreou na Casa da Cultura de Ribadavia o clásico de Shakespeare A tempestade e Os Quinquilláns co seu espectáculo de rúa Arrieiros.

Ademais, no marco da MIT organizáronse actividades paralelas entre as que é preciso salientar as xornadas de crítica e teatro coordinadas por Inma López Silva e Roberto Pascual e a presentación do número 71 da Revista Galega de Teatro.

Así mesmo concedeuse o Premio de Honra Abrente 2012 a Francisco Pillado Mayor, autor xunto con outros persoeiros do panorama teatral galego como Manuel Lourenzo proxectos fundamentais e xa míticos para o desenvolvemento das artes escénicas contemporáneas coma o Dicionario do teatro galego (1671-1985), a Antoloxía do Teatro Galego e os cadernos da Escola Dramática Galega.

 

Nova xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia: Toño Casais novo director da AAAG.
O domingo día 8, en Ames, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia celebrou Asemblea Xeral na que os membros da mesma elixiron unha nova Xunta Directiva. Tal como se anunciara, deuse unha ampla renovación na dirección, para asumir os moitos retos que lle agardan a AAAG na defensa e promoción dos actores e actrices galegos.

A Xunta Directiva quedou integrada polos seguintes actores e actrices: Toño Casais (Presidencia), Casilda Alfaro (Vicepresidencia), Guillermo Carbajo (Secretaría), Camila Bossa, Álex Carro, Antonio Durán “Morris”, Victoria Pérez, Lucía Regueiro, Mónica García, Vicente De Souza, Josito Porto e Déborah Vukusic, mesturando a enerxía das novas adquisicións coa experiencia dos directivos e directivas veteranos.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia vén desenvolvendo unha intensa e continuada actividade desde o ano 1985, no que foi creada, e a nova Xunta Directiva, que distribuirá as diversas áreas de traballo nunha próxima reunión, terá como temas máis inmediatos: abordar a organización da XVII edición dos Premios de Teatro María Casares 2013, integrarse no Consello asesor do CDG, a captación de novos asociados e continuar as súas actividades, prestándolle unha especial atención, no seu ano, á figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

A compañía de teatro “Lagarta lagarta”, pecha as súas porta
Da man do xornalista Alberto Ramos no xornal Praza Pública coñeciamos a fatídica nova: a compañía de teatro fundada por Ernerto Chao e Rosa Álvarez pecha as súas portas. Ernesto Chao, director do Centro Dramático Galego entre os anos 1986 e 1987 e ex-presidente de Escena Galega fundou a compañía “Lagarta lagarta” xunto con Rosa Álvarez, recoñecida intérprete do panorama teatral galego e gañadora de dous premios de teatro María Casares (como actriz protagonista por Fobias e como directora por O segredo dos Hoffman, ámbolos dous espectáculos da compañía “Lagarta lagarta”).

Segundo admitiu Ernesto Chao: “Agora mesmo somos unha compañía sen actividade, xa nin ofrecemos a montaxe para este segundo semestre. Estamos esperando a final de ano para poder pechar empresarialmente Lagarta Lagarta”. O motivo do peche garda unha relación directo coa crise que sufre nestes intres o sector teatral: “Temos a crise, que está provocando que moitos concellos xa non estean no circuíto de contratación e os que están só queren espectáculos moi baratos. Non se pode facer unha montaxe pola que vai cobrar 1.000 euros, iso non che dá nin para pagar o transporte”.

Estrea do musical “Galicia Caníbal”
Galicia Caníbal, O Musical, dirixido por Quico Cadaval e Evaristo Calvo (que tamén traballaron na adaptación do texto) a través da idea orixinal de Antón Reixa, é un espectáculo musical e teatral construído en torno á Movida Galega e a todos os grupos que, ao longo dos anos oitenta protagonizaron un dos movementos musicais, estéticos e sociais máis importantes das últimas décadas en España. Galicia Caníbal, O Musical está coproducido por Filmanovae Estrella Galicia e coa colaboración do Centro Dramático Galego.

Conforman o reparto do espectáculo Ana San Martín, Sergio Zearreta, Víctor Mosqueira, María Costas, Teté Delgado, Juanillo Esteban, Rosalía Castro, Iolanda Muíños, José Carlos Illanes, Iván Marcos. Así mesmo Fran Peleteiro e Antela Cid asinan o texto orixinal.

O musical permaneceu en cartel en Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia) do 12 ao 15 de Xullo. Seguidamente partiu rumbo a Santiago (Auditorio de Galicia) onde se apousentou dende o 18 ao 21 de Xullo. Agora Galicia Caníbal camiña cara Vilagarcía (Auditorio Municipal) onde estará dende o día 2 de agosto a 5 do mesmo mes. Chegará a Coruña (Teatro Colón) o 9 de agosto e estará en cartel ata o día 12.

Sobre a Mostra de Teatro de Cee
En 1988 nace a Mostra de Teatro de Cee. Esta mostra que se celebra na localidade coruñesa de Cee durante o mes de agosto segue en pe grazas ao esforzo continuo da compañía Talía Teatro encabezada polo actor e director Artur Trillo. Durante a pasada edición, o director da Mostra de Cee mostrou a súa preocupación pola situación da propia mostra e preguntábase “se o esforzo pagaba a pena”. E nesta edición a preocupación segue presente. Pode que esta edición (a 25ª) sexa a última. Artur Trillo, que dende os seus 18 anos leva traballando a prol da Mostra, amosou a súa tristeza: “Si se perde esta mostra, eu sería a persoa deste mundo a quen máis lle doa”. Ademais destaca o director que “esta non é a situación idónea, non o temos aínda seguro e non queremos tomar unha decisión tan drástica, pero non somos optimistas. Realmente é difícil ser optimista con calquera proxecto cultural”.

Segundo as previsións a mostra comezaría o 19 de Agosto e en principio seguirá a estrutura que se creou na 17ª edición cunha programación de catro funcións diarias. “Esa é a estrutura que queremos, e a que quereríamos seguir facendo. Iso é o que é unha mostra”, conclúe Artur Trillo.

O número 71 da Revista Galega de Teatro
A Revista Galega de Teatro (RGT), publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas e editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, vén de presentar o seu número 71 no marco da XXVIII Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A RGT inclúe o texto O principio de Arquímedes, de Josep María Miró Coromina que se estreou con gran éxito no Festival Grec de Barcelona ademais de ser unha das obras premiadas na XXXVII edición do Premi Bom (convocado polo Cercle Artisctic de Menorca). Destaca a entrevista a Manuel Guede, actual directo do Centro Dramático Galego así como tamén críticas teatrais dos espectáculo Kamouraska (de Inversa Teatro) e María llena eres de gracia (da Compañía das Marías). Así mesmo, a RGT realiza unha extensa crónica das Mostras de Teatro Universitario de Ourense e Vigo, así como do ALT 2012 e da FETEN 2012 (Feira europea de teatro para nenos e nenas de Xixón). Inma López Silva fai unha reflexión sobre O teatro institucional galego.

Os grupos de teatro afeccionado de Ferrol emiten un comunicados obre o ciclo Domingos a Escena.
Max Teatro, Bartoleta Teatro, Oquetiqueiras Teatro, Tremoias Teatro, Teatro N+1, Crucía Teatro, O MaxoloTeatro, Teatro Amistade e Teatro ASCM, todos eles grupos de teatro afeccionado afincados en Ferrol mostraron o seu desacordo coa decisión tomada pola Comisión de Cultura do Concello na que se aprobaron as bases par a participación no ciclo Domingos a Escena do 2012 (segundo semestre).

Segundo o comunicado que encabezan os grupos antes nomeados “O Concelleiro, dunha forma unilateral e arbitraria e sen contar co colectivo de Grupos de Teatro Afeccionado de Ferrol, encárgalle a coordinación do Ciclo 2012-2013 ao grupo “Ti e mais eu Teatro”, que non ten boa relación con ningún do resto dos grupos, e cuias Bases non son válidas para cumprir os obxectivos que estaban marcados dende o primeiro Ciclo: a) Participación de todos os grupos de Ferrol; b) Apoio aos grupos do resto de Ferrolterra; c) Aproveitando o Circuíto Cultural da Deputación da Coruña e dos Ciclos organizados pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) patrocinados pola Xunta de Galicia, enriquecer a programación coas mellores propostas do resto da Provincia e da comunidade galega”. Logo de varias reunións, o colectivo conveu en facer un chamamento á Concellaría para que reconsidere a decisión.

No caso de que esa decisión non sexa emendada acordaron “por unanimidade, non participar no vindeiro ciclo de Domingos a Escena”.“Estamos convencidos que estes cambios na organización poñen en perigo a continuidade, no futuro, do Ciclo de Teatro “Domingos a Escena” que dende hai 12 anos ben funcionando con un grande éxito de público e un recoñecemento, por parte de todos os grupos participantes, como o ciclo de teatro afeccionado mais importante de Galicia”[Grupos de Teatro afeccionado de Ferrol asinantes do comunicado].

Chegaron a Galicia “Las Huellas de la Barraca”
As “Rutas de La Barraca” foi un programa iniciado pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais en 2006, coa finalidade de rememorar unhas das iniciativas culturais máis relevantes do eido teatral. Neste primeira edición de 2006 a Aula de Teatro da USC (Campus de Compostela) estreou no Festival de Almagro El Caballero de Olmedo, de Lope de Vega dirixido por Roberto Salgueiro. A partires do ano seguinte, 2007, o programa mudou o seu nome polo de “Huellas de La Barraca”.

En Galicia puidemos gozar de El bobo del colegio, de Lope de Vega da Aula de Teatro de Antropoloxía da Universidade de Sevilla e In Vitro Teatro da Universidade de Jaén. O espectáculo xirou por Portomarín, Ribadeo, A Guarda, O Barco de Valdeorras, A Mezquita, Padrón, Carballo, Muros e Betanzos durante este mes de Xullo.

Agradecementos: Praza Pública; Prensa MIT Ribadavia; RGT; Prensa AAAG

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*