Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país

Roberto Vidal Bolaño

O pasado día 23 de xuño a Real Academia Galega anunciou a elección de Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado para o Día das Letras Galegas 2013, abrindo así unha nova fenda para o aire fresco no mausoleo dos bolígrafos ilustres, desordenado aínda despois de pasar o Vento Lois polo lugar. A candidatura levada ao plenario da rúa Tabernas pola académica Margarita Ledo foi escollida fronte a outras como a de Carlos Casares ou Antón Fernández Morales, proposto novamente polo presidente da academia, que xa o definia como o seu “candidato permanente” en conversa con Letra en Obras. A decisión faise pública despois de que nas semanas anteriores ao fallo agromasen voces que reclamaban este recoñecemento para a traxectoria do autor e tamén para o seu medio. Cómpre lembrar as declaracións de  Antón Durán “Morris” cualificándoo como un “firme candidato ao Día das Letras” na recollida do Mestre Mateo pola súa interpretación en Doentes, ou o manifesto asinado por centos de internautas, promovido por Antón Dobao, Rubén Ruibal ou Camilo Franco, entre outros.

Cando lle preguntamos sobre os motivos da proposta de Vidal Bolaño como homenaxeado para o ano 2013 Margarita Ledo fala, en primeiro lugar, de “revisitar todo o que foi a súa traxectoria creativa”, que considera fóra de calquera dúbida. Mais a catedrática de comunicación da USC di que tamén pretenderon “incidir no momento cultural de moita inactividade para o teatro galego, que está a sufrir unha certa exclusión dentro das políticas culturais que se están levando adiante en Galiza”. Ledo defíneo como un “grande organizador”, ao falar do seu traballo con Grupo Antroido ou Teatro do Aquí, destacando “esa reflexión sobre a combinación do traballo creador coa organización deste dentro do sistema cultural no que funciona, que é o galego”. O seu compañeiro Manuel Lourenzo sintetiza este complicado exercicio de funambulismo ao defender que Vidal Bolaño “soubo utilizar os medios dos que dispoñía para crear unha plástica moi característica, e nunca agardou polo público: sempre o foi a buscar”.

Comezar polos vieiros que abre a xestión da homenaxe ao dramaturgo no eido da planificación cultural non supón perder de vista a potencia anovadora da obra que deixou atrás de si. Neste sentido, Dolores Vilavedra cualifica a escolla de “idónea”, referíndose ao dramaturgo como “o máis ‘teatral’ dos escritores de literatura dramática” e destacando nel “a súa versatilidade e a súa capacidade para abordar temas de actualidade”. Nesta liña inciden tamén os dous grandes dramaturgos contemporáneos de Vidal Bolaño como son o académico Eloxio Ruibal, quen destaca “o seu interese polo popular e a valentía na abordaxe de temáticas contemporáneas que resultaban incómodas e das que a maioría fuxía”, e o propio Manuel Lourenzo, quen recorda que “meteu a maza na cabeza das cousas que estaban a pasar”

O dramaturgo de Ferreira do Valadouro destaca tamén a “vocación itinerante” das súas compañías e lembra que “deixaba a súa pegada nas vilas polas que pasaba, non só polo teatro, senón porque despois adoitaba quedar alí a falar coa xente horas e horas”. Tamén chama a atención sobre o seu denodo cando di que “non o paraba ningunha cousa, e tenme dito que se non podía pagar actores facía bonecos, como fixo coa montaxe de Percival”.

Un dramaturgo de vocación
Margarita Ledo recorda cando coñeceu a Vidal Bolaño, traballando na redacción d´El Ideal Gallego a comezos dos setenta e, lembrando a súa traxectoria destaca que “foi unha persoa que decidiu ser escritor e ser dramaturgo”. Referíndose a como a proxección do ímpeto do autor compostelán no presente pode ser inspirador fronte ao deserto no que debe sobrevivir o teatro galego, destaca que “é moi alentador que alguén cos medios mínimos decida dar ese paso e profesionalizarse no teatro”. Polo medio queda a chamada de Euloxio Ruibal ao delegado d´El Ideal Gallego, Benxamín Vázquez, pedíndolle recomendación dun axudante de dirección para o seu traballo no grupo Reina Lupa. De alí remataría saíndo a primeira compañía teatral na que traballou Vidal Bolaño, Obradoiro, pero antes estrearíase como axudante de dirección do documental Holocausto, dirixido polo propio Ruibal. Ademais, comezaría a produción propia cunha reportaxe sobre o antroido do Ulla, e guións de documentais que non chegarían a realizarse. Daquela experiencia Ruibal recorda as longas conversas despois dos ensaios e a “grande preocupación cultural de Vidal Bolaño, así como o seu grande interese por coñecer e por saber”.

Resulta hoxe un adxectivo frecuente o adxectivo “valente” nos contos sobre a traxectoria de Vidal Bolaño, tal e como o propio Manuel Lourenzo corrobora ao destacar a actitude coa que pechou a sua etapa no Grupo Antroido, contra mediados dos oitenta. Lembra aquel monólogo titulado Caprice de dieux. Alí as alusións directas, malas de dixerir, a axentes vivos do campo cultural galego eran a resposta de Vidal Bolaño ao que el sentiu como falta de apoio dos seus colegas cando o Centro Dramático Galego lle pechou as portas (foi vetado cando xa tiña convenida a súa actuación na montaxe Follas novas, dirixida por Dorotea Bárcenas) por manter a súa recorrente iracundia para criticar o abandono do teatro dentro das políticas da consellería que dirixía daquela Victor Manuel Vázquez Portomeñe. Despois virían, na segunda metade dos oitenta, os anos de traballo na axencia de publicidade Olympus e na axencia de dobraxe CTV, antes de regresar, xa nos noventa, con Teatro do Aquí.

Mais, se cadra, o autor de Rastros había celebrar servir de pretexto para calquera nova empresa desmitificadora, como podería ser neste caso o estudo pormenorizado das condicións concretas que rodearon a traxectoria aquí cartografada pois, como apunta o propio Manuel Lourenzo, “conviría ter unha constancia fiel de como aconteceron as cousas nesa época de recuperación ou case invención do teatro galego porque é unha época que segue sendo hoxe moi próxima”. Novamente Vidal Bolaño no centro da controversia, pero desta volta el só mira e nós debatemos como ensaiar sobre a súa forza perenne receitas para explicarnos mellor, receitas para entendernos mellor.

Para seguir lendo os despeces desta reportaxe ver as seguintes ligazóns:

Heterodoxos nas cadeiras con almofada

Ábrese o telón, e agora que?

Reportaxe de Pablo García Martínez

4 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*