“O único rescate que precisa esta sociedade debe vir dos máis novos”

Repasamos co diretor editorial de Biblos, Tucho Calvo, a traxectoria do premio para novos narradores nos seus sete anos de historia. Este venres fállase na Casa Grande do Bachao o VIII Premio Biblos-Pazos de Galicia, que premia a unha narradora ou un narrador menor de 25 anos coa posibilidade de rematar a súa primeira novela coa axuda dun titor experimentado. Desta volta será a viguesa Maria Xosé Queizán quen se encargue de guiar a man do nome que dende esta fin de semana comezará a facerse máis familiar para os que seguimos a evolución desta literatura en obras que se escribe en galego.

Tucho Calvo

Con que saúde chega o Premio Biblos a esta oitava edición?
Coa mesma boa saúde coa que o premio botou andar en 2005 e o engadido de ter ido consolidándose nas sete edicións anteriores, das que saíron cinco escritoras e dous escritores novos cunha magnífica proxección. Tres deles contan a día de hoxe con varios libros publicados.

Estades satisfeitos coa achega ao panorama literario do país das sete obras tiradas do prelo ata o momento?
Por descontado. Son obras todas elas moi dignas que fixeron interesantes aportacións á literatura galega.

Durante todo o proceso acompañades o nacemento dunha obra que leva aparellada a presentación en sociedade dun narrador, coa súa primeira novela. Cal é o papel que vos corresponde a vós, como editores, considerando a mediación neste proceso dun axente atípico nos procesos editoriais como é a do titor?
A edición é o segundo piar do proceso, a segunda fase, que segue á complexa tarefa de escribir que ha desenvolver cada participante. Nesta tarefa quixemos darlle un papel relevante á figura do titor porque desde o comezo nos pareceu que introducía, por unha banda, un elemento orixinal, un marchamo, e un garante de que o gañador ou gañadora non ía quedar á deriva e abandonado no proceloso mar da primeira experiencia de creación literaria.

Como foron ata o momento a experiencia cos titores, e que papel adoitan adoptar no proceso de creación?
A experiencia foi fantástica e alentadora. Sen nada máis a cambio, souberon poñer o seu bo facer ao servizo dos seus pupilos. Trátase de importantes escritores que son tamén grandes mestres, coa sabedoría de quen pode aconsellar sen dirixir.

Cales son os ingredientes que adoita valorar o xurado, na elección das obras?

"A peneira dos soños", escultura de Luís Loureira que recibe o autor premiado


Pois practicamente os mesmos que con calquera outro libro, coa salvedade de que cando pasa por primeira vez polas mans do xurado, a obra gañadora do Premio Biblos-Pazos de Galicia está aínda sen escribir. Trátase dun boceto que ten que agochar un proxecto críble, amosar a soltura do escritor/a coas técnicas narrativas, co idioma, e cos fíos básicos dunha trama aínda por desenvolver.

Malia a situación de asfixia económica, que tamén está a facerse notar no mercado de compra e venta de libros,

mantén a vosa editorial a súa aposta polo Premio Biblos de novela para menores de 25 anos?
Pois claro que si. Días atrás escoitabamos nun discurso que o único rescate que precisa a sociedade neste momento tan brutal é o que pode vir da man dos máis novos e compartimos esa idea.

Dende o comezo, a iniciativa foi saudada con entusiasmo por moitos dos axentes dedicados ao mercado artístico, e tamén polo seu público potencial. Botando a vista cara a atrás, considerades que este entusiasmo se traduciu no apoio que agardabades?
O apoio, o entusiasmo ou mesmo a confianza non son valores computables desde a óptica da exactitude matemática. Van e veñen en función do que un proxecto vaia dando de si. Case dez anos despois de botar andar, Biblos percibe que a súa idea segue a ser ben acollida

E no que se refire ao apoio por parte das institucións?
Non hai queixa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*