O polbo non ten amigos que agarden por el

Samuel L. París

E disque Clapton compuxo “Wonderful tonight” mentres agardaba a que se maquillase Patti Boyd e disque Hasselbaink naceu nun cinema de Paramaribo mentres Bukowski desesperaba agardando a resposta sobre a publicación ou non do seu Factotum. Esperar é unha urxencia e os ordenadores de sobremesa enténdeno daquela maneira (os cafés e as flores).

Agardar non engana nunca. A escritora Sienna Sedgwick botou horas e horas en salas de espera de todo o mundo (iso penso eu) para conseguir adurmiñar os caracteres do seu editor de texto na fantástica Rage & Rage & something heretic like Rage (Quirk Books, 2012). Mediante unha prosa soporiferamente coidada e arrítmica (o ritmo está sobrevalorado, a melodía está sobrepensada), os seis personaxes do texto cloroforméanse en reflexións ao redor da xente con cara feliz, o desengano das sementes que nunca agromarán e unha sociedade que loita por se grampar as pálpebras ao maxilar inferior.

A autora detén o tempo por completo comprimindo o percorrido textual ao lapso dun segundo para nos engaiolar contranarcoticamente ao longo de parágrafos (chumbo) que desenvolven ideas peregrinas e vitais de desacougo, alento pesado e gramos de infelicidade a través dos seus seis títeres cos que é practicamente imposible (imposible) identificarse. Exemplifico isto co monocorde capítulo décimo primeiro, no que William, o papahostias do taxidermista, voa durante trinta e cinco páxinas sobre os lenzos de toda a súa vida, un tras outro, recréandose en detalles tan extremos como inmóbiles.

Se o post-rock funcionou, o mesmerismo desta prosa ten que ser o cemento no que deixar gravado o docemente estúpidas que están a ser as nosas vidas.

Sienna Sedgwick non vive da súa escrita (desde 2009 dirixe a súa propia fábrica de procesamento de poliuretano) e non ten axente literario. Entendo que será complicado chegar a ler os seus textos na lingua de Beatriz Manjón (gallego).

E disque Patti Boyd acabou por casar con George Harrison. O de “Slowhand” non era por como tocaba a guitarra…

Agardar non engana (case) nunca.

Pica aquí para saber máis sobre Samuel L. París.

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*