‘Forked tongues’: un paso máis cara á feira das literaturas todas

Galicia, o Euskadi e Catalunya adoitaron atopar en Irlanda un “outro inspirador” sexa por motivos políticos, sociais ou culturais. Esta antoloxía insírese nun diálogo intercultural que redefine e reforza os vencenllos literarios entre estas catro comunidades.

Capa do libro (Foto: Shearman Books)

Este é o texto inicial de presentación do libro editado pola profesora da USC Manuela Palacios con textos de poetas galegas, catalanas e vascas verquidas ao inglés por poetas de Irlanda. O texto está tirado da páxina da editorial Shearsman, onde xa está anunciada a fin do traballo no texto que finalmente levará por título Forked tongues, que xa está rematado malia que ten fixada como data oficial de publicación o vindeiro 15 de setembro. Unha vez rematada a confección do libro comeza a segunda fase do traballo, que é a súa difusión, e neste sentido xa está confirmada unha presentación o 28 de febreiro no Instituto Cervantes de Dublin.

Tal e como xa informara Letra en Obras cando o proceso se atopaba na súa recta final, a antoloxía incluirá textos de Chus Pato, Pilar Pallarés, Lupe Gómez, Yolanda Castaño e María do Cebreiro. As representantes da poesía en esukera son Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao; mentres que como autoras de poesía en lingua catalana figuran Vinyet Panyella, Sussana Rafart, Gemma Gorga e Mireia Calafell.

Do traballo de tradución encargouse un grupo de mulleres e homes ben coñecidos pola súa produción artística no panorama poético de Irlanda hoxe, como son Maurice Harmon, Lorna Shaughnessy, Anne Le Marquand Hartigan, Máighréad Medbh, Mary O’Donnell, Celia de Fréine, Catherine Phil MacCarthy, Susan Connolly, Paddy Bushe, Michael O’Loughlin, Paula Meehan, Keith Payne e Theo Dorgan. A primeira fase da traducción, así como a supervisión lingüística dos textos correu a cargo dun grupo de profesores da area de Hispanic Studies da University of Liverpool, especializados respectivamente no estudo de lingua e cultura galega, catalana ou vasca, como son Kirsty Hooper, Diana Cullell e Juan Arana Cobos.

Ver información anterior relacionada con esta (Picar na seguinte ligazón):

Poetas irlandesas verten ao ingles os versos de cinco poetas galegas

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*