Excepcional

Marcelino Fernández Mallo

Un artigo de Marcelino Fernández Mallo

Non é a mesma cousa atoparse nun estado excepcional ca en estado de excepción. Ás veces, entre ámbolos termos, so hai un suspiro, un chimpo rápido, unha faísca. Este goberno, se o apuramos un retrinco, axiña nos aplica a excepcionalidade. Excepcionalidade que procede de excepcional, excepcional de excepción e excepción, coido, que do latín exceptio. Así considero eu a miña participación en Letra en Obras, un fenómeno excepcional, consideración que como vemos, non ten por que resultar algo positivo e si, máis ben, todo o contrario.

Quixen principiar dun xeito amable, e así mesmo me propoño continuar. Non están os tempos para maldades. Por iso escollín a última novela de María Xosé Queizán, coa benigna intención de louvar a autora tan admirada, por obra literaria e por posición e traxectoria persoal. Lembraba Amor de Tango, un precioso exercicio literario que me engaiolou de principio a fin. Pero Meu pai vaite matar, sendo a última, semella a primeira. Si, semella unha novela de iniciación, de escritora xuvenil, a típica historia onde o autor ou autora verque as súas ideas propias verbo os grandes temas sociais: o sexo e o sexismo, o conservadurismo e o progresismo, a ciencia, a historia, a violencia, a convivencia… Máis ca unha novela de tese, resulta unha novela de múltiples tesinas, onde os personaxes, e ata os diálogos, artificiosos e teledirixidos, son sometidos á disciplina ideolóxica da Queizán.

Non acerta a nosa admirada autora tampouco no fío da historia, extremadamente laxo. O relato resulta inconcibible por falto de solvencia e convición. Os escenarios preséntase sen traballo nin detalle. O argumento esencial amósase ben difícil de crer e xustificar e a cadea de acontecementos vai caendo polo seu propio peso, sen elaboración nin sorpresa. A propia narración esfarrápase en cada páxina e o desenlace final termina por formalizar o desencanto.

Meu pai vaite matar non transcenderá coma unha novela excepcional, senón máis ben coma excepción na prolífica e xustamente apreciada obra da escritora viguesa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*