Economía e literatura médica

Ramón Vilar

Un artigo de Ramón Vilar

A prima de risco, a bolsa, os datos do PIB, o índice de confianza…Esas son basicamente as ferramentas que empregan os xornalistas económicos para explicar a crise. Os medios de comunicación, polo menos os que marcan opinión, teñen donos. Eses mesmos donos posúen accións en grandes empresas, comen camaróns da ría entre semana e cean con caviar do mar Caspio cando se cambian para as festas. En fin, eu persoalmente non os coñezo.

Mais se un quere entender o que está a ocorrer ten que buscar outros indicadores. Se houbese xornalismo de investigación os redactores xefes mandarían todos os seus subordinados ás consultas dos médicos de cabeceira. Tanto dá se o doutor traballa no rural ou nun barrio de cidade: os medicamentos máis receitados son os ansiolíticos e os antidepresivos. A industria farmacéutica é unha das poucas comportas que treman deste encoro de frustración. Nestes tempos de présa e pánico esquecemos o terapéutica que pode ser a lectura, unha conversa cun veciño ou un paseo sen rumbo. A economía é dinamismo vertixinoso, estúpido! Queda a literatura médica e os seus best-sellers: Lexatín, Trankinmazin…

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*