Dia das Letras para comediantes pouco ou nada subsidiados

Un artigo de Lara Rozados

Lara Rozados
Lara Rozados

É motivo de celebración a escolla de Roberto Vidal Bolaño como autor homenaxeado no Día das Letras. Que a Real Academia optase por un dramaturgo do seu xenio é de xustiza: polo recoñecemento do seu talento como escritor, pero tamén como creador, emprendedor e dinamizador; como resposta á demanda social (varios centos de persoas e colectivos reivindicaron o 17 de maio para o compostelán); e, se cadra, como intento de saldar unha débeda histórica co teatro, neste país a facer equilibrios sobre unhas táboas cada vez máis inestables.

Mentres a Xunta desmantela, por acción ou por omisión, o tecido teatral (reducindo orzamentos, suprimindo ou atrasando axudas, deixando morrer as redes e circuítos), a cidadanía loita por manter o escenario en pé: existe público, e cada vez máis activo e implicado. Tamén cada vez máis proxectos tentan apoiarse en fórmulas alternativas de financiamento: velaí o crowd funding da compañía Inversa Teatro, para poderen marchar a Colombia de xira; do dúo cómico Os da Ría para gravaren o seu “disco díscolo”; ou do Teatro Ensalle para seguiren programando. As fórmulas de autoxestión abrollan neste contexto do desleixo institucional, como resposta lóxica e lexítima pola supervivencia, pero non se pode deixar de apuntar a quen está a afogar o sector.

Pódese producir certa suspicacia pola “conveniencia” deste autor neste momento, e aínda dura o malestar arrastrado do ano Pereiro, se cadra o autor máis mercantilizado no Día das Letras ata a data: reeditouse, traduciuse e musicouse, pero tamén, noutras ocasións, desactivouse a súa potencia revolucionaria ou chegou a quedar reducido a icona da “movida”. Dicía Daniel Salgado, que se encargou de traducir a Obra completa do poeta, no Diario Cultural da Radio Galega, que no 2011 leuse moito “sobre” Pereiro e pouco “del”. Por iso cómpre estar alertas coa utilización que se pode chegar a facer dende o poder, neste estado das cousas, de Roberto Vidal Bolaño.

Do traballo “daquel Abrente”, e antes do teatro afeccionado e independente, saíron os vimbios para poder tecer despois a profesionalización e dignificación do teatro. E neste tempo aséntase como estado normal das cousas o discurso que sitúa as artes escénicas no ámbito do voluntarismo e das condicións de traballo precarias e indignas (non é exclusivo deste gremio), nos tempos do “carromato”, no pedir esmola. É inevitable que veña á memoria a Ópera do patacón, “versión libre para charanga e comediantes pouco ou nada subsidiados”, onde Vidal Bolaño recollía maxistralmente o relevo que lle pasaron John Gay e Bertolt Brecht. Di o Alto: “A nosa é unha ópera para mendigos. Ensoñada, iso si, con tanto atrevemento e tanta grandeza como só os que non temos nada a poderiamos ensoñar. Pero resolta con tanta cativeza e pataconerío como para que mesmo os que non teñan nada poidan gozar dela”. Necesitamos moito ao Vidal Bolaño das táboas, ao traballador da escena, máis que outra figura homenaxeada: que se reedite e que se escenifique. Arriba o pano, e que o escenario sirva como lugar de estrañamento, de carraxe e de acción.

Compartir
Artigo anteriorPedra e cartón
Seguinte artigoXullo e o Teatro Galego

3 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*