American Dream

Un artigo de Elba Becerra

Elba Becerra

Pois si, parece que somos pezas dunha Civilización da Imaxe ou Civilización Audiovisual, onde, no mesmo intre, nada parece oculto e todo pode ter varios perfís, varias caras da mesma moeda.

Nestes mundos que corren, algúns (moitos diría eu) devoramos con présa tempadas e tempadas de series televisivas atrapados polo fío argumental que se desenvolve no interior do noso benquerido ordenata.

Poida que nos resulte máis familiar a historia contraria, pero algunha desas series descóbrennos a novelistas antes descoñecidos para nós.

Este é o caso de Mad Men que me levou de viaxe dende o seu primeiro capítulo ata unha aceda América dos 60. Historias de homes ambiciosos, pais, casados, machistas, amantes e mulleres misteriosas, sedutoras que exercen a súa influencia acochadas baixo abrigos tres cuartos.

Quizais o utilice como remedio natural, como evasión a mundos que aparecen tan extranos e diferentes. Mundos de grandes compañías, de éxitos profesionais misturados con dramáticas historias persoais, con segredos de vidas anteriores.

Despois, xorde el, John Cheever denominado o Chèjov das urbanizacións, imaxino a un Cheever rosmón polas luxosas rúas, camiñando pola Madison Avenue indignado coa soberbia dos seus veciños, con ese ulido, ese sabor dunha boca regada por un whisky con xeo.

E mentres eu desfruto en Madrid das pinturas de Hopper sen poder evitar lembrarme de como se consume o eterno cigarro de Don Draper na inquebrantable soidade que estilan todos os seus personaxes.

Compartir
Artigo anteriorUn galego en Chopin
Seguinte artigoElba Becerra

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*