Ábrese o telón, e agora que?

Representación de 'Bailadela da morte ditosa', na mostra de Ribadavia do 2008

Existe un consenso xeral arredor do primeiro paso para a recuperación do traballo de Vidal Bolaño, que será a edición das súa obras completas. O traballo correrá a cargo de Edicións Positivas, un proxecto no que a editora de Paco Macías xa se embarcara no pasado outono, en colaboración coa segunda esposa do dramaturgo, Belén Quintiáns, e co seu fillo Roi Vidal Ponte. O único claro polo momento é que se tratará dunha edición con varios volumes que incluirá unha biografía, algún material inédito (o menos) pero tamén textos que foron representados pero nunca editados, como o célebre monólogo Caprice des dieux.

A obra de Vidal Bolaño foi publicada no seu momento en selos como Pico Sacro, Sotelo Branco ou Xerais, pero está caracterizada hoxe pola súa dispersión, pois moita apareceu nos servizos de publicación específicos vencellados aos varios premios que gañou, e tamén nalgún caso en revistas. Esta dispersión será solucionada coa edición das obras completas, que permitirán afondar na achega ao dramagurgo ao incluir tamén outro material como os guións escritos para o grupo Reina Lupa ou outros guións como os do capítulo piloto das series Novo de Parmuide e Morosos varios, que non chegaron a verse na televisión malia realizarse no seu momento algunha proxección privada.

A outra grande achega desta edición será o volume bibliográfico co que contará e que xa está a ser elaborado polo seu fillo Roi, unha achega que debe servir para coñecer con máis xustiza a traxectoria do autor. O traballo biográfico xa fora iniciado o ano pasado por Xosé Manuel Fernández Castro coa publicación en Laiovento d´A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño e, de feito, o propio Ferández Castro está a colaborar con Vidal Ponte na elaboración para Positivas da parte das obras completas dedicada á indagación na biografía de Vidal Bolaño.

Reactivación da actividade teatral
Alén da previsible representación por parte do Centro Dramático Galego dunha obra do autor santiagués, que o director, Manuel Guede, xa deixara entrever hai semanas, é de agardar que a primeira vez que se adica o Día das Letras a un autor dramático supoña un incentivo no teatro galego. Neste sentido, Euloxio Ruibal sinala que “fronte a outros xéneros literarios, o teatro implica unha conexión directa entre o público e a obra dun autor dramático que debería atraer a máis xente e pode chegar tanto aos centros culturais e centros educativos como, evidentemente, aos teatros”. Ruibal afirma que “dende a Academia faremos todo o posible para axudar á difusión da obra de Vidal Bolaño, incluíndo o habitual acto solemene e, tal e como vén acontecendo nos últimos anos, un congreso adicado a estudar a súa obra”.

Pensando na incidencia desta homenaxe nos escenarios galegos, o profesor de Teoría da Literatura da USC Arturo Casas considera que “se Vidal Bolaño non revitaliza a actividade teatral galega ninguén máis poderá facelo nas actuais coordenadas históricas e políticas”. Casas destaca tamén a súa confianza na incidencia do cinema e as iniciativas non oficiais nesta celebración de 2013, advertindo que “malia as mordazas que se lle van intentar aplicar, a intelixencia e a sabedoría teatral do autor acabarán impoñéndose sobre os que non lles importaría que o teatro, en particular o teatro galego, afogase para sempre”.

Máis optimista amósase a profesora de Lieratura Galega da USC Dolores Vilavedra cando afirma que esta homenaxe debe servir para “poñer en evidencia que temos un patrimonio riquísimo de literatura dramática no que podemos atopar materiais para todos os gustos, idades e sensibilidades”. Vilavedra conclúe que “sen dúbida, o 2013 irá máis alá do propio Roberto Vidal Bolaño e contribuirá a poñer o teatro na axenda mediática e social”.

No que se refire ás representacións, a ambición dalgunhas das pezas do autor poden facer difícil a súa representación. Roi Vidal Ponte explica isto argumentando que “meu pai escribía ás veces obras para moitas personaxes e cunha escenografía complexa, escritas para premios que despois acababa gañando”. Considerando esta cuestión, o propio Vidal Ponte sinala que unha vía interesante pode ser a do teatro para nenos, con textos como O touporroutou da lúa e do sol, ou outras tres pezas inéditas que aparecerán na edición das obras completas. Este pode ser un bo medio para dar a coñecer a obra do dramaturgo compostelán no ensino básico. Tampouco os varios monólogos escritos por Vidal Bolaño deberían enfrontar problemas de medios á hora da súa montaxe.

Así, semella que nos próximos meses teremos as primeiras pistas para responder á pregunta sobre a incidencia da celebración da obra de Roberto Vidal Bolaño na escena teatral de Galiza.

Podes seguir lendo a reportaxe nas seguintes ligazóns:

Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país

Heterodoxos nas cadeiras con almofada

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*