Un poeta revolucionario que liberou Angola

Un artigo de Xurxo Martínez González

Caxicane é unha aldea de Angola. Está no lugar de Icolo e Bengo que é lembrado pola masacre das tropas coloniais portuguesas realizada sobre as persoas do lugar. Aquel sangue deu de beber aos liberadores de Angola. O sangue impregnou os tambores, as peles e os rostros de milleiros de angolanos como Antonio Agostinho Neto Kilamba.

Xurxo Martínez

Agostinho Neto naceu alí, nunha aldea de Angola, e axiña foi o poeta revolucionario da súa terra, o portavoz mundial da causa africana, o combatente humanista a prol das liberdades fundamentais das persoas e dos pobos. Agostinho Neto, presidente.

O seu nome colleu sona entre os círculos subversivos que pretendían liberar os países colonizados. Era a segunda metade do século XX cando Agostinho Neto comezou a ser coñecido e recoñecido, dentro e fóra de Angola.

Era un home nacionalista e internacionalista. Nacionalista, porque sabía que na loita por dignificar a súa cultura ía unha compoñente revolucionaria. Internacionalista, porque soubo defender a causa doutros pobos africanos tamén oprimidos.

O médico Agostinho Neto presidiu o MPLA que combateu coas armas na man e coa cantiga no pteiro a independencia de Angola, loitando ao carón doutro médico, arxentino e de adopción cubana, Che Guevara. En 1975, proclamada Angola como estado soberano, Agostinho Neto foi nomeado o seu primeiro presidente. Pro poucos anos despois morrería, na Unión Soviética.

Un 23 de abril de hai uns anos, no Chiado lisboeta, merquei a Sagrada esperança de Agostinho Neto, publicado pola editorial Sá da Costa. Unha poesía patriótica, emerxente dende a raíz dos humildes, encerellada na cultura popular, na das linguas perdidas, na da terra ensanguentada de Icolo e Bengo. Unha lectura atraente para coñecermos un anaco da literatura africana.

Houbo outros poetas na loita pola liberdade de Angola. Tanto poetas, e tantos médicos!, na batalla interminábel da liberdade. Citemos outro que nos causou agrado a súa lectura: Viriato da Cruz, que chegou a ser o secretario xeral do MPLA aínda que rematou escornado cos camaradas e morreu na China. Un dos seus poemas máis coñecidos, “Namoro”, foi musicado polo comprometido cantor portugués Sérgio Godinho. Velaquí

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*