Hai que roelo

Un artigo de Isabel G. Couso

Eu contaba cuns oito aniños. Se cadra máis. Aínda que tampouco podo descartar que fosen menos. As lembranzas da infancia, xa se sabe, mestúranse, dilúense, embarúllanse… até convertérense en apuntamentos á marxe da vida (adulta, enténdase) metade imaxinarias metade reais. O caso é que cada domingo, nunha sorte de hábito rutineiro daqueles días nos que folgar estaba permitido, meus pais, meu irmán e mais eu paseabamos de vagar por un porto de Galiza. Cada fin de semana, un diferente.

Percorremos naqueles días os peiraos de Cangas, Moaña, Marín… subiamos a Portonovo, ao Grove, Vilagarcía… Os máis pequenos e os máis grandes. So había un requerimento: que houbese barcos de baixura. Miña nai sempre formulaba algunha queixa por aquel entretemento dos domingos que, certamente, a quen divertía era a meu pai. Gostaba máis de pasear polas rúas das cidades, percorrer paseniñamente o que de interesante puideran ter aquelas vilas, parar un bocadiño a tomar un café… mais sempre pasabamos as horas entre barcos, nasas e salitre.

Embarcacións tradicionais de Bueu

O meu irmán e mais eu pronto partillamos aquela afección. Para entretérmonos tiñamos un barco preferido en cada porto. Ben me lembro do meu escollido. Levaba o moi televisivo nome de Trueno Azul e tiña base no peirao de Meira, en Moaña. Non sei se era pola súa feitura ou precisamente polo extraordinario do nome, mais non tiña igual en ningún outro porto.

Mentres nós debatiamos sobre os requisitos indispensábeis que tiñan de ter os pequenos barcos para estar á altura das nosas preferencias, o meu pai comparaba aparellos, estudaba a distancia entre as mallas dos miños ou as betas, confrontaba un e outro sistema de recollida das redes do mar… Tomaba notas, enfin, para aplicárllelas ao seu traballo diario, ao seu propio barco e xeito de vida.

De cando en vez, a viaxe do domingo levábanos a Cambados. A aquel porto fora parar, despois de pasar por varias mans, o Temporal. Foi o primeiro barco do que meu pai foi patrón e propietario.  Eu sempre gostei máis do nome que levaba cando o mercou, Hai que Roelo, e nunca entendín ese pracer estraño de citar o perigo tan á lixeira. Exemplos hai abondos. Durante minutos meu pai observaba aquela estrutura de madeira, mestura de recordos e satisfacción. Fomos alá até que o mandaron para o despece.

Non hai cultura máis auténtica que esta que, sen querelo, nos transmitiu meu pai. Dos coñecementos mariñeiros pouca conta podo dar eu (ese papel resérvollo ao meu irmán), mais o sentimento, o xeito de vivir, de afrontar a vida mesmo, a transmisión da tradición, do patrimonio cultural e mariñeiro… non ficaron sen descendencia. É mesmo esta cultura unha riqueza a conservar e propagar.

Vén isto a conto dunha iniciativa que en Bueu leva anos sen resposta. A recuperación do estaleiro tradicional, unha carpintería de ribeira que podería converterse na primeira en musealizarse de Galiza. Os atrancos no camiño foron moitos, dende o intento de derrube até o abandono no que hoxe está sumido. O meu modesto apoio dende estas letras en obras para un proxecto que podería enchouparnos, como meu pai fixo con nós, na sabedoría popular máis próxima á nosa esquecida cultura mariñeira.

3 Comentarios

  1. Moitísimas gracias amiga por recuperar eses momento tan especiais da tua infancia, pois con eles tamén fas que os que tiña na miña ialma, que creía perdidos, tamén afloraran. Aquelas tardes de domingo, pero cando xa non éramos tan pequenas, os paseos pola banda do río mirando sempre aquel estaleiro vello, de madeira roida e que sempre tiña algún barco no que traballar. E agora despois de tantos anos, aquí estamos, cada unha nunha punta distinta do seu mundo, pero compartindo moitos recordos e como non, a idea de que aquel recuncho de madeira roida non se perda no pasado, e que fagan del unha obra de museo pa que todo aquel que pasee por Bueu tamén poida admirar o traballo do carpinteiro de ribeira e que esa labor non caía no olvido.

  2. Leendo este artigo cantos recordos se veñen a miña mente da infancia, dos contados días que había para folgar, a miña enhoraboa porque está redactado co sentimento de estar revivindo eses momentos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*