O Repsol de Narrativa convértese no premio de referencia para novelas curtas

O Premio Repsol de Narrativa Breve chega á súa sexta edición consolidando definitivamente o seu obxectivo: a novela curta. Se nas anteriores convocatorias a organización admitía tamén outros xéneros (conxunto de relatos curtos) nesta ocasión as bases marcan claramente que se tratará de novelas curtas (de entre 50 e 120 páxinas mecanografadas). Os aspirantes ao premio deben entregar os orixinais antes do vindeiro 20 de xullo. O galardón está dotado con 9.000 euros en efectivo e máis a publicación da obra gañadora.

O certame, auspiciado pola Fundación Repsol, conta co apoio nesta ocasión da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), da Real Academia Galega (RAG) e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A editorial Galaxia será a encargada de publicar o texto premiado.

Dende a súa creación en 2006 os primeiros premios recaeron nos escritores Miguel Sande, Anxos Sumai, X.L. Martínez Pereiro, Xurxo Sierra Veloso e o ano pasado en Fernando Díaz-Castroverde.

Podes consultar aquí mesmo as bases íntegras do premio.

4 Comentarios

  1. A ver, que non me aclaro… son páxinas ou folios?
    Porque na convocatoria fálase dun mínimo de 50 folios, o que serían 100 páxinas, que vaia mínimo para unha novela curta!

  2. Eu sempre entendera folios = páxinas (escritas por unha soa cara), pero podo estar trabucado. E si, é unha extensión bastante importante. Esta norma fíxaa, supoño, a editora, por non arriscarse a publicar un libro de vinte páxinas. De tódolos xeitos, resuta curioso este certo desprezo á brevidade narrativa.

  3. Estou tristemente afeito a que omitan o meu segundo apelido, pero isto de que me poñan un nome tan sonoro como Zurzo é novo. Un cordial saúdo,

    Xurxo Sierra Veloso

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*