Non hai noite tan longa…

Un artigo de Ramón Vilar

Ester ten unha Libraría con maiúsculas. E isto pode parecer contraditorio se engado que apenas hai unhas ducias de libros que conviven en 50 metros cadrados con paquetes de tabaco, cadernos, bolígrafos, prensa xeralista e revistas do corazón. Mais alí están, resistindo orgullosos dende hai anos en primeira liña, aínda que os que se venden cada mes poidan contarse cos dedos dunha man.

Ramón Vilar

A Libraría non está na rúa céntrica dunha gran cidade, nin sequera na praza dunha das múltiples vilas do país. A libraría-estanco-quiosco de Ester é a única dun concello rural de pouco máis de 4.000 habitantes, onde en moitas aldeas comeza a ser complicado atopar veciños de menos de 60 anos.

Pola Libraría de Ester non pasou na vida un alto cargo da Consellaría de Cultura. Como moito algún “ghafapasta” que, perdido en Tordoia, pide indicacións para regresar por estrada ata Santiago de Compostela. Aquí o heroísmo cultural convive con clientes que mercan o Marca mentres miran de esguello as bólas chinesas que regala unha das revistas do estante. Pero tamén con algún rapaz que vai recargar o móbil e acaba agradecendo a última novela que ela lle recomendou.

E aí están erguendo a cabeza os libros de Xulia Alonso, de Mari Vega, de Manolo Rivas, de Marilar Aleixandre ou o En castellano no hay problema, de Carlos Callón. E nestes tempos de pesimismo, saïo pola porta con dous paquetes de tabaco nunha man e co Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, na outra. Grazas, Ester.

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*