Vou escribir unha novela de ideas

Un artigo de Pablo García Martínez

Xoguemos a facer un repaso dos elementos contidos na novela posible sobre o devalar colectivo dunha comunidade que, a medio construír, esqueceu que querer ser é conditio sine qua non para, se cadra, ser. En primeiro lugar debería estar ben escrita, pois aquí falamos de literatura, non si? Ben escrita dá para discusións excelsas sobre a construción social do gusto que dende logo non ocupan este texto.

Pablo García

Agora tezamos un escenario pouco habitual, por exemplo un dos últimos redutos onde a nostalxia dos ecos soviéticos se converte en ortodoxia e funciona como motor do partido que debe representar a emancipación nacional, agora que Calhoun (Nations matter, 2007) volve poñer de moda a dimensión de solidariedade que pode facer funcionar esta pulsión. Ao redor xente sen rostro nen nome. Ollo, que eu quérolle vender o libro a Farrar, Straus and Giroux (anos despois na colección FSG Classic), así que aos comunistas estes ímoslles dar algo de caña.

Podíamos facer que deran en matar uns nos outros ou algo así. Bah, iso xa o fixo Montalbán. Mellor facerlles un drama social e apoñerlles xeracións novas incapaces de asumir dun xeito crítico teorías obsoletas. Aquí temos novela! A tensión vai vir dada polo seu papel senlleiro e a obsoleta formación da súa futura intelligentsia. Imos ben.

Do lado de fóra pequenos grupos de activismo cultural, ou non. Aquí ten que haber ostias. Podiámolos propoñer teimudos en procurar a distinción en acontecementos que pretenden encaixar, sen deglutir, no seu caderno de consignas. Podemos dar a entender que, ao non elaborar os acontecementos que utilizan, neutralizan a forza que os fixo transcender no contexto orixinal. Estes serán os inimigos dos outros e para que os de FSG non sospeiten que propoño algo, ignorarei os brillantes. Faremos só aos escuros, aos do cóbado de tenista.

Vou escribir a primeira novela de ideas da historia. E se os de FSG querían algo de sadismo? Daquela podo meter tamén inimigos dentro, e escribo frases rápidas desas de “mantendo a tendencia á atomización tan característica das esquerdas…”. Por exemplo podo poñer a uns señores con gomina que queren ser socialistas e republicanos. E que facemos con eles? Boh. Non, eses mellor que marchen, porque os de FSG non van gostar que fale mal da gomina.

Si, que marchen sen facer ruído e seguro que alguén escribirá a súa novela. Se cadra eu xa oín falar dela, pero esta miña vai ser unha novela de ideas e non de nomes, coma as do nouveau roman. A súa podería ser a historia dunha esquerda nova que limpou a gomina e acendeu un discurso posíbel na néboa, para despois ferir sen piedade nas decisións. Eu había mercala. Sería unha novela con final feliz e mesmo podían volver virar compañeiros dunha nova esquerda máis densa, que fora inxustamente caricaturizada na novela dun xogador de tute. Podería ser, pero esa sería outra novela e se cadra compre poñerse a escribila no canto de falar tanto dela. Eu estou en edá de escribir unha novela de ideas.

Máis sobre Pablo García Martínez

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*