Proxecto Le, unha aposta polo coñecemento da literatura electrónica

Aínda minoritaria, a literatura electrónica xa está entre nós dende hai algúns, ben poucos, anos. Autores con obra só publicada en formato dixital, revistas electrónicas, blogs…Ao igual que o xornalismo e moitos outros eidos, a popularización da internet convulsiona tamén o sistema literario. No medio desta eclosión está a traballar o Proxecto Le, posto en marcha pola Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela.

O equipo deste proxecto explica na súa web que pretenden “ser unha ferramenta que contribúa ao arquivo e estudo dun corpus literario en continua transformación, cando non en risco de desaparecer. Trátase de favorecer activamente o coñecemento e difusión da literatura electrónica creada e difundida en España, alcanzando novos e diferenciados públicos, construíndo unha rede formada por distintas institucións interesadas na preservación da literatura electrónica. O espazo deste proxecto busca ser non-canónico e antixerárquico, nada atento ás taxonomías xenéricas, un espazo intermedial e híbrido constituído por textos nos que conflúen o verbal, o visual e o sonoro”. Case nada!

O equipo que leva adiante este proxecto está dirixido polo profesor Anxo Abuín, canda el colaboran os tamén docentes María Teresa Vilariño e Darío Villanueva. O resto do equipo confórmano investigadores como Andrea Álvarez, Iria Castro, María López, David Muíño, Manuel del Río, Alfonso Rivera, Saúl Rivas e María Yáñez.

A web do proxecto, que pretende ser referencia para investigadores e persoas interesadas, dispón dun inventario de autores, críticos e teóricos da literatura electrónica.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*