Malas herbas

Un texto de Antonio Mira

Fágolle caso a Serrat naquilo de ter tino na escolla dos amigos. Canto menos recomendábel é a criatura máis cariño lle teño. Unha destas malas herbas, das piores, ten unha teima que encontro perigosamente adorábel. Cando alguén fala de Roberto Vidal Bolaño interrompe a conversa, estica o dedo indicador en afán pedagóxico e repete silabeando “Don Roberto. Don Roberto”. Fai isto moi devagariño e ollando fixamente (porque, cando se é unha mala herba, só se olla fixamente) desde o seu metro noventa. E non para de repetir “Don-Ro-ber-to” até que o interlocutor corrixe, levado por un primario instinto de sobrevivencia. A min búleme por dentro a idea de que, de teimar en non dar o tratamento adecuado, a cousa acabaría moi mal. E con toda lóxica: recoñeceredes que hai asuntos cos que non se brinca.

Foto: Álvaro Ballesteros.

Andamos os bechos e eu a ler A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (Laiovento), libro tirado adaptando a tese de doutoramento de Xosé Manuel Fernández Castro. Apesar de que o de pasar as teses a libros évos cousa complicada e o dos títulos traizoeiro, coido que é o achegamento máis completo á figura de Don Roberto e ao seu facer teatral. Aínda que o libro está moi centrado (case ametade das páxinas) no Agasallo de Sombras, vai tecendo unha panorámica sobre a vida e a obra do noso dramaturgo. Unha obra que apontou o dedo ás manchas de baba que levamos na camisa dos domingos (anxeliños!) e que nos aprendeu a base de fundidos en negro e estruturas discontínuas que os monstros somos nós: cos nosos delirios, as nosas dúbidas, os nosos mortos esquecidos nas cadease os nosos chalés onde o mellor de todo é o xardín. Unha vida nos palcos ao doloroso servizo do país.

Ademais dunha grande admiración, confesarei, Don Roberto ten un aquel sentimental para min. A primeira vez que me metín en serio a traballar nun espectáculo foi baixo a protección dunha das súas obras. E todas as tonterías que hoxe digo e fago tiveron baptismo no que comecei a aprender aló en Loulé, traballando contra-reloxo e fóra da protección que os libros e a teoría sempre me ofreceran. Tentándolles explicar a Pedro, Rui, Rita, João e Liliana que eramos Laudamuco e Rouco ao mesmo tempo, por moito que doese. Unha tola aventura da que vos falarei outro día con máis calma.

Mais non só teño admiración e lembranzas. O peor de ler este libro é a tristeza por case non ter visto espectáculos de Don Roberto. Só o Sen ir máis lonxe, nun par de ocasións, e sen entender moita cousa. Agora, pasado o tempo, leo de novo A burla do galo (Don Álvaro e Don Roberto, que combinación!), Mar Revolto, Laudamuco, Rastros, Rastros, Rastros (nunca se le Rastros o suficiente), Bailadela da morte ditosa, Integral… todo canto foi caendo nas miñas maos de yonki. E teño a consciencia de estar a apreixar entre as maos o que da a letra en papel, que é case nada. Que bosta iso de tentar quecer con fume sabendo que a fogueira xa non está e que non podo, sequer, facer uso da memoria. O teatro é a arte máis cruel, que só deixa rastros no interior de quen está alí. Xa vedes que hoxe tocou desabafo…

Don Roberto: Unha mala herba desas que tanto precisamos.

Saúde!

3 Comentarios

  1. Ando a recomendar este artigo, señor Antonio Mira. Todo o que sexa falar de Roberto Vidal Bolaño é pouco. A cada día que pasa máis se agrandará esta figura.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*