Vivir

Un artigo de Mauricio Delito

Mauricio acorda o domingo cinco de febreiro e agradécelle ao seu corazón que baixo as súas costelas continúe o movemento común das noites festivas. Son as doce e cinuenta e cinco.

MIguel Mosquera

Ás tres e tres minutos Mauricio come uns tallaríns con torresmos mentres le a prensa e escoita a radio. O Novas da Galicia e a as novas da Radio galega, respectivamente. Co ollos só le, cos ouvidos só oe, e coa man dereita apaña os tallaríns con torremos para os levar á boca, que mastiga. Non se sorprende de que, uns segundos despois de lela, na radio falen da mesma noticia: unha fraude de Novagalicia Banco sobre participacións preferentes. Tal estraña reciprocidade entre medios tan distintos non o asombra. Ese domingo Mauricio non se asombra por nada. Pórtase mal co cosmos. O savoir-vivre cósmico exíxenos un pouco de atención. Somos fillos e fillas da época. A época é política. Todos os seus, os nosos, os vosos asuntos diúrnos e nocturnos son asuntos políticos. Mais a Mauricio ese domingo conmovíao a súa individualidade.

Pasou a tarde sen pena nen gloria, quen dixo que a vida ten que ser valentemente vivida? Ás vinte e dúas e cincuenta ve Mauricio na tele un programa de viaxes en Cuatro no que estaban a visitar a cidade de Beixing. Beixing era para Mauricio unha cidade fermosa até as lágrimas. Mauricio é un experto en monumentos e sabe do que fala. Lágrimas verdadeiras. Moito máis fermosa que Nova York ou Vigo, mil veces. No programa sae unha parella de españois comendo mono. En China o mono é un animal comestíbel. Os namorados españois, o tío viuna desde España a ela en Beixing pola tele noutro programa de viaxes, agora todo son programas de viaxes, e decidiu viaxar ata alá para coñecela porque sentía un grande amor, comentan que ten un delicado sabor o cerebro do mono. A xente non coñecedora dun amor feliz asegura que en ningures existe un amor feliz. Con esta crenza élles máis sinxelo vivir. Tamén lles será máis fácil morrer.

Á unha e vinte minutos, Mauricio vai para a cama e, naturalmente, soña con monos. Dous desta especie están sentados nunha xanela inmobilizados por unha cadea. Tras a xanela voa o ceo e báñase o mar. Un mono mira a Mauricio fixamente e o outro apúntao cun dedo e un lixeiro son de cadeas. Isto faino acordar. Son as catro da madrugada e cóstalle seguir durmindo. Ninguén está ben ás catro da madrugada, se as formigas están ben ás catro da madrugada, felicitemos as formigas, pensa Mauricio. Decide saír á xanela. A noite é clara e observa o ceo. Admírase da cantidade de puntos de vista que alí hai. Axiña serán as cinco. Cómpre volver para a cama e seguir vivindo.

Escrito con versos escollidos de Wislawa Syzmborska. Moitas grazas por todo Wislawa. Descansa en paz.

Queres saber máis do autor deste artigo? Pica aquí

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*