Máis crise, menos premios

Os autores repiten sempre como unha ladaíña: “vivir da literatura en galego é imposible”. A falta dun mercado interno completamente normalizado e as evidentes dificultades á hora de internacionalizar as nosas letras son dúas das causas esgrimidas a cotío. Ao igual que noutros sistemas literarios, os premios son a miúdo a principal alegría económica das escritoras.

Mais a crise económica que dende 2008 produce estragos en todos os sectores produtivos tampouco pasan por alto aos premios literarios. Un exemplo son as bases deste ano do Premio Xerais. O máis coñecido premio de novela galega perde nin máis nin menos que o 40% da súa dotación económica. A editorial viguesa estipula un premio de 15.000 euros fronte aos 25.000 de edicións pasadas.

O premio de narrativa mellor dotado vai ser este ano o Torrente Ballester, que convoca a Deputación da Coruña. Neste certame, no que poden participar textos na nosa lingua ou en castelán, o galardón mantense nos 25.000 euros. Canda estes dous pervive outro dos grandes premios clásicos da novela galega: o Blanco Amor, que tivo na súa última edición unha dotación de 12.000 euros.

Sobre os grandes premios de poesía aparecen dúbidas. O Premio de Poesía Novacaixagalicia, antigo premio Caixanova, ten ligado o seu futuro ao da entide financeira galega. Nos vindeiros meses saberase se se poderá convocar a undécima edición dun certame dotado con 12.000 euros. Polo camiño xa quedou o prestixioso Premio Esquío, que viu como en 2007 a Fundación Caixa Galicia retiraba o seu mecenado.

Na vaga de recortes orzamentarios haberá que ver o futuro de ducias de modestos premios de narrativa e poesía que se convocan por toda a xeografía galega e que fan a miúdo de canteira para os novos escritores.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*