Premios contra a invernía

A pesar da interminable crise económica e das xeadas de xaneiro, os premios literarios seguen a agromar grazas ao esforzo de asociacións e institucións. Hoxe damos conta aquí de tres certames, en prazo aberto, que, dun ou outro xeito, se teñen revelado como importante canteira de novos escritores.

Comezamos polo Fiz Vergara Vilariño. O esforzo da Agrupación Cultural Ergueitos e o apoio do Concello de Sarria conseguiu que este ano se chegue á edición número doce. O certame de poesía é sen dúbida un dos máis prestixiosos de cantos que se convocan no país. Na súa lista de gañadores figuran poetas como Marica Campo, Estevo Creus, Miguel Anxo Mato Fondo, Olalla Cociña ou Xerardo Quintiá (o premiado na última edición).

O prazo para a presentación de traballos a este certame permanece aberto até o último día deste mes de xaneiro. Os participantes deberán enviar obras de máis de 400 versos. O galardón está dotado con 6.000 euros e a publicación do poemario. Podes ver aquí (páxina do Consello da Cultura) as bases íntegras.

Entrega do premio Manuel Murguía

No oeste de Galicia, o Concello de Arteixo convoca un ano máis o galardón de relato curto mellor dotado da nosa literatura: o Manuel Murguía de Narracións Breves, que cumpre xa 21 anos. A nómina de ilustres gañadores ao longo deste tempo tamén é extensa: Antón Riveiro Coello, Alfonso Álvarez Cáccamo, Rosa Aneiros, Xosé Carlos Caneiro, Bieito Iglesias ou, entre outros, Samuel Solleiro. Na última edición o galardón recaeu en Andrés Pociña.

O certame está aberto até o día 1 de marzo. Poderán presentarse relatos de entre 15 e 30 páxinas de extensión. O premio está dotado con 3.700 euros. Podes consultar aquí as bases.

Por último un certame máis modesto pero que tamén é xa ten un importante percorrido é o Premio de Poesía Concello de Carral. Ata o 31 de marzo poderán presentarse poemarios cunha extensión mínima de 500 versos. Na súa lista de gañadores figuran autores como Miro Villar, Eduardo Estévez, Lucía Novás ou Baldo Ramos.

O galardón está dotado con 2.000 euros e a publicación da obra gañadora. Podes ver na páxina de AELG as bases completas

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*