Oiseau Rebelle, de Funboa Escénica

Un artigo de Carla Capeáns

 “Somos vítimas e verdugos deste obxecto de desexo. Somos xogadoras do tres en raia, dos agochos, de bico verdade e consecuencia. Estamos na cerna, no ollo do furacán, no centro de gravidade permanente. Sufrimos máis ca ninguén, amamos mal, tarde e a rastras. Buscamos a Nemo, a Jacks, ao home do saco. Pintamos un corazón co teu nome dentro, unha acuarela de ilusión, a mona. Desexamos amar, voar, saltar sen rede. Temos medo da noite que virá, a escuridade sobre min. Poderiamos facer isto, o outro o de máis alá. Poderiamos ser boas, malas, regular” (Funboa Escénica)

Carla Capeáns

Oiseau Rebelle, de Funboa Escénica
– Dirección e creación: Cristina Balboa e Paulina Funes
– Axudante de dirección: Begoña Cuquejo
– Elenco: Cristina Balboa e Paulina Funes

Funboa Escénica é unha compañía de recente creación que nace aló no ano 2010 da man de Cristina Balboa e Paulina Funes. Unha compañía que nace coa intención de crear novas ideas, para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas de entender o teatro como arte escénica. Ademáis, botan man das novas tecnoloxías e mesmo conseguiron botar a andar o seu proxecto a través da plataforma Verkami, unha forma directa de financiar proxectos con aportación individuais.

Oiseau rebelle” (paxaro rebelde) tal e como din as súas creadoras “é un espectáculo de teatro-danza, verbal, plástico e sonoro que dialoga sobre o imaxinario amoroso e des-amoroso. Un ritual do corazón como músculo, como metáfora e como alimento”. Consiguen abordar estas tres perspectivas a través dun elemento escénico sobre o que xira toda a historia e que se converte no núcleo do espectáculo: un corazón. É un espectáculo moi visual, colorista e sensorial. Ademáis, a peza integra elementos que pouco teñen de teatrais, por así decilo, pero que funcionan á perfección dentro dunha nova estética teatral contemporánea. Xogan co espacio sonoro, moldéano e axústano aos seus movementos expontáneos, vivos e frescos. O entorno é simple pero axeitado ás necesidades. Cartón ondulado que une o teito e o chan de forma continua e que lle aporta un sentido a ese espacio. Ese espacio é un todo continuo, en ningún momento se rompe ou se corta. Xogan coa cor, coa forma e coa estética. Rompen os convencionalismos e as actrices, en ocasións, son espectadoras do seu propio espectáculo. O xogo constante co público e o contacto directo con el fai que quen está sentado nesa butaca do teatro entre nese xogo que é Oiseau Rebelle.

Cristina Balboa e Paulina Funes consiguen crear o que eu lle chamaría “un espacio de xogo”, algo que é complicado cando os propios actores non cren nese xogo. Elas cren nese xogo e transmiten ese espíritu. Técnicamente saben controlar moi ben o espacio e a escena, saben recuperar a atención do público cando o ritmo decae en certos puntos do espectáculo e aínda que en ocasións quizais haxa problemas co volume e a proxección das voces, en xeral o conxunto é uniforme.

Oiseau Rebelle é un xogo, o xogo dun paxaro rebelde que “ninguén pode engaiolar”.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*