Nos martes de Compostela presta dicir furando no dito

Picaversos - Imaxe dunha das follas volandeiras
Picaversos - Imaxe dunha das follas volandeiras
A iniciativa Picaversos, segue a facer do bar compostelán Modus Vivendi un punto de encontro para os afeccionados á poesía como punto de partida.

Hai uns meses Olalla Cociña e Branca Novoneyra botaron a andar a iniciativa Picaversos e dende entón hai martes no Modus Vivendi que son unha excusa idónea para escoitar como o roubo de versos luídos polo uso, co pretexto de sometelos á destrución colectiva, aínda segue a dar para anchear ollos no tempo dos cuarentaprincipales. Este martes 24 de xaneiro o tema será a Loucura, e no Picaversos participarán a actiz Pilar Pereira, a compañía de monicreques Fantoches Baj, e a poeta Xiana Arias.

Os poetas acompáñanse doutros compañeiros nesa desfeita de ideas, utilizando as ferramentas que os versos impresos gardaban debaixo do trazo e, así, polo Modus Vivendi pasaron xa Olga novo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos Santiago, Dore Tembras, Paco Macías, Iago Martínez ou Mario Regueira, entre outros moitos. Ao mesmo tempo, as coordinadoras do proxecto manteñen activo o blog de Picaversos, onde dan conta da actividade desta feliz iniciativa ademáis de ofrecer material de apoio para que os asistentes poidan pensar con vagar as fendas que lle fixeron no espírito entre as cañas do Modus Vivendi; e os ausentes teñen as follas volandeiras, para animalos a ir apostar as conviccións.

Poñer a funcionar a poesía, escoitala e lela para poder pensala ou, polo menos, saber dela alén dos fitos gravados a lume nesa memoria popular tendente a virar limitadora pola mor do xeito no que nola enseñaron, instándonos a aprendela no canto de pensala: se cadra, esta é a proposta das organizadoras do Picaversos e, se non, esta lectura pode ser un motivo máis para animar a achegarse ata o Modus Vivendi este martes ás 21.00 horas. As seguintes relecturas colectivas de poesía terán lugar o 14 de febreiro (Míticos), 28 de febreiro (W. Szymborska), 13 de marzo, (Viaxes) e 27 de marzo (Salvaxes). Iso, polo de agora. Longa vida ao Picaversos.

3 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*