Manuel Pesqueira, un xenio só ‘de oídas’

Un artigo de Isabel G. Couso

Resta apenas unha semana para achegarse en Compostela á obra do pintor Manuel Pesqueira (Lantaño, 1911-1987). Disque foi un dos renovadores da plástica galega, un dos principais pintores galegos do século XX, un dos grandes, en resumo. Até hai uns días, eu nin o coñecía. Reparei na súa obra, por azar, nunha visita ociosa á sala de exposicións e fiquei admirada. Pola súa obra, si, mais tamén pola miña inconfesábel e desmedida ignorancia.

Fixen consultas. Chamei os amigos, eses que teñen un coñecemento máis miúdo da Cultura, e cuestionei a toda canta persoa se me puxo por diante. O resultado da enquisa é ben doado de resumir: a meirande parte non sabe, non contesta; algún coñecía a Pesqueira “de oídas”; e, outro, máis douto, acertaba a encadralo á beira de Laxeiro, Colmeiro ou Seoane. Conclusión: partillabamos a extraordinaria ignorancia.

Non é o meu propósito compadecerme da miña propia incompetencia cultural. Máis ben, subliño a nefasta labor de quen ten que promover os nosos artistas, de quen dispón hoxe e dispuxo no pasado das ferramentas para protexer e dar a coñecer o noso patrimonio cultural. Falo, e non só, da Consellaría de Cultura (hoxe xa nin rango de Consellaría ten), con tanto apego polo noso, que mesmo comprobo arrepiada na súa páxina web como describe a nosa historia unicamente en perfecto castelán: “Galicia cuenta con una riquísima tradición cultural que con la consolidación de la democracia avanza en su normalización” (http://culturaeturismo.xunta.es/culturagallega.php). O silencio en torno á figura do pintor de Lantaño é aínda máis lamentábel precisamente neste ano que acaba de rematar: o 2011 foi o centenario do seu nacemento.

Mais non quixera perderme na crítica sen facer unha entusiasta defensa da mostra de Pesqueira. Debedora do modernismo e do trazo enérxico de Van Gogh, empapada da influencia do seu mestre Castelao e ancorada na aldea, no campesiño, na terra. Na visita contemplamos unha Galiza latente, xa case extinguida, conformadora dunha identidade acho que perdida. Alén da posíbel controversia sobre a oportunidade desa perda, aproveito esta leira na que aínda teño licenza para opinar para facer a miña recomendación: Manuel Pesqueira, pintor de terra e de xentes.

Para saber máis da autora deste artigo

Compartir
Artigo anteriorLIX e LA
Seguinte artigoPremios contra a invernía

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*