Xurxo Martínez González gaña o Premio Díaz Jácome de Poesía

‘Nocturno de Mondoñedo’ é o título da obra coa que Xurxo Martínez se vén de impoñer no Premio de Poesía Díaz Jácome, que organiza o Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo. O prestixioso galardón premia a escritores novos (ata un máximo de 30 anos de idade) e está dotado con 1.500 euros en metálico.

Xurxo Martínez

Segundo nos explica o propio autor a música, e o mundo do piano en particular, fan de fío condutor nestes catro poemas “nos que hai influencia do existencialismo e da concepción da vida como unha eterna morte”. Ao outro lado da liña telefónica, Xurxo Martínez non dubida en citar, como homenaxe, a dous dos seus poetas favoritos ao falar da obra premiada: Luis Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño.

Esta é a primeira incursión do autor no mundo dos versos. Con respecto ao premio, o primeiro ao que se presentaba, afirma que o tomou “como un reto persoal. Non escribo moita poesía pero gustábame saber como se valoraba”.

Con apenas 27 anos, Martínez González, licenciado en Filoloxía Galega, é coñecido polas súas colaboracións en diferentes medios galegos e polo seu traballo no mundo do ensaio: É autor dos libros «Fuco Gómez» (AGER, 2007) e de «Luís Soto Fernández. A xeira pola unidade galega» (Xerais, 2011).

Colaborador na sección de Opinión de Letra en Obras, en maio do ano pasado foi un dos autores que sacaron para adiante o libro de relatos “17 letras sen día”.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*