Poética política

Un artigo de Diego E. Barros

Diego E. Barros

Que a chegada de Mariano Rajoy teña coincidido coa volta de Mecano é algo que me ten perplexo. Durante uns minutos crin que o de Torroja y Cía sería un deses globos sonda que se multiplican coma fungos polos xornais desde que vivimos en situación permanente de isto afúndese. Mais non. Vai en serio.

Coméntollo a Di, e ela, americana, coñecedora de oídas de Mecano só acerta a preguntar, por que? A volta de Mecano é unha proba máis de que o 20 de novembro deitámonos en 2011 e o 21 amencemos en 1981. Ou peor. Dixéronme que aquí tiña que escribir de literatura ou do que me dese a gana. Un ten que ser consciente das súas limitacións e de literatura sei o xusto: que hai libros que me gustan e outros que non e que hai autores aos que un ser querido debería terlles dito que mellor se dedicasen a montar maquetas de barcos. Polas súas verbas coñecerédelos, como ese Caneiro convertido en voz do pobo no especial eleccións da TVG para lembrarnos a nós, galegos, que deberiamos sentirnos orgullosos pola chegada dun paisano (sic) á Moncloa. Clin, clin, xemíu a caixa rexistradora. Cultura orgánica, que lle chaman.

Arestora a literatura entendida como ficción agóchase nos titulares dos xornais, verdadeiros exercicios de metafísica poética onde calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia. Durante os últimos anos espallouse a idea de que os escritos de George Orwell, un dos máis grandes xornalistas da historia, devirán en verdadeiras profecías. A imitatio aristotélica, no entanto, chegounos con fallos de serie e o Grande Irmán orwelliano veu en forma de casa na serra madrileña habitada por especimes entregados como se a vida lle fose niso ás máis baixas paixóns: comer, fumar e foder. 1984 comezou un 11 de setembro e aquelas cinzas son hoxe as lamas que todos almorzamos a cotío. Xa nada é o que parece. Unha contundente derrota electoral é unha oportunidade cara o futuro. Houbo un tempo, que llo digan a Almunia, no que o futuro era un postiño na UE. Deste xeito, a crise que nos está a levar a todos por diante é outra oportunidade. Sarkozy, de profesión refundador, quixo refundar o capitalismo hai uns anos e como a cousa lle quedou perita agora anuncia a refundación da UE «da man de Alemaña». A última vez que alguén intentou refundar Europa da man de Alemaña acabamos como acabamos e, desde entón, a Woody Allen éntranlle ganas de invadir Polonia nada más escoitar a Wagner. Pero a nosa memoria é xa como a do peixe.

Desde hai semanas, hai xente que está a experimentar en carne propia unha mutación da realidade tal que semella que sen previo aviso comezamos a vivir nun capítulo de Fringe. O argumento consiste en levar meses parado e sen un can. Ir ao médico e agardar a que salten as alarmas que antes estaban nos bancos e que agora, por desuso, trasladaron ás comuputadoras do Sergas. Vostede, cospe a máquina, está fóra do sistema, grazas. O por que do cambio pono algún dos nosos representantes políticos, convertidos en poetas da posmodernidade: a ninguén se lle retirou a súa cobertura sanitaria, trátase de racionalizar o uso da sanidade pública. É o discurso do omnipotente Feijóo, o chegado de máis aló, que nada ten que ver con aquel que pretendía facer de Galiza a cidade única e acabou por convertela en barrio dormitorio de Madrid. Feijóo é o maior expoñente dos negacionistas da teoría da culpabilidade colectiva. O seu é un discurso sen pecado concibido repetido polos sosias que senta no Goberno da ex Xunta de ex Galicia. De aí que palabras como copago ou galeguismo harmónico irrompesen nas nosas vidas con tal familiaridade que un xa se pensa en sentalas á cea de Noiteboa.

A miña predilecta nesa corte de vates ten nome de estación de metro de Madrid. «Ninguén pode pretender que a educación e a sanidade sigan sendo de balde». Cráneo privilexiado o seu, xa que despois de anos pensando que os nosos impostos servían para algo  resultou que non. Volve estar de moda eso de mirar a Europa á hora de falar de sanidade, educación e política laboral. Complementos de seguros e flexibilidade son palabras que calquera repite acobadado na barra dun bar sen saber que só pronuncialas ao lado dunha tal prima de risco sae de balde.

O problema de que España mire a Europa é a súa teima en imitala só a medias. É certo que a sanidade é máis cara fóra. Non escoitei a ningún dos nosos poetas políticos dicir que en Europa (Francia, Inglaterra e Alemania, é a Europa da que se soe falar, máis tamén no norte) a xente cobra dúas (ou tres) veces máis do que cobran os españois. Cando non simplemente cobran. E é mentira que a vida sexa «máis cara» como din. A vida non é cara nin barata. A vida é o que tes no peto. Mentres, aquí os ripios dos nosos poetas violentos comezan por moderación salarial e caza ao funcionario como culpable de todos os males. A xente do común da que fala Rajoy, na mesma barra do bar, aplaude a súa lírica sen entender que todos eramos libres de estudar unhas oposicións para ser membro desa suposta aristocracia obreira caída en desgraza.

Cela dicía de toureiros, putas e, por extensión, xornalistas que poden tourear en festivais ou foder de capricho, pero sen baixar os prezos xamais. España volve ser un país de touradas e folclóricas onde as putas sentan en programas de televisión a impartir clases de moral e os ex banqueiros condenados, de economía. Porén, os xornalistas vagan sen pena nin gloria na busca de quen queira pagar polos seus servizos. Mala época esta onde a cultura de que o traballo non vale diñeiro é a única Cultura. Pronto poderemos chamar ao fontaneiro e á hora de pagar dicirlle iso de grazas pola súa colaboración desinteresada.

Porque a racionalización, din os vates, non quere dicir recorte porque recorte non quere dicir menos, a secas, senón, máis con menos, poñendo en tea de xuízo as leis básicas da matemática e a física. MAFO, cuxo nome ben podería ser MOFA, di agora que habería que crear un banco malo. Seica existiron os bancos bos. O soño da razón produce monstros que agora, algúns, volven chamar tecnócratas. Diso sabemos en España da man doutro paisano do que sentírmonos orgullosos. Back in 1957. O novo presidente-paisano traballa por todos nós na soidade do seu despacho. De cando en vez, nun exercicio de austeridade regala un tuit á bancada no que semella ser un adiante do que nos espera.

Namentres, Europa volta a estar ao norte dos Pirineos, polo que a urxencia do momento fai imperiosos os remakes de clásicos como Vente a Alemania Pepe.

 

Se queres saber máis de Diego E. Barros, isto é o que nos conta el de si mesmo

Compartir
Artigo anteriorDiego E. Barros
Seguinte artigoAmo a sociedade

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*