“No meu mundo ideal os conselleiros levarían libros que os actuais seguramente prohibirían se puidesen”

Lorena Souto

Lorena Souto naceu no concello do Páramo (Terras de Sarria) en 1983. Licenciada en Filoloxía Galega, participa no consello de redacción da prestixiosa revista poética Dorna, que edita a Universidade de Santiago. Agora é Lorena quen se estrea como autora e faino pola porta grande logo de gañar en Fene o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé. Nos vindeiros meses, Fase de Trema, o poemario galardoado, estará nas librarías de man de Espiral Maior. Mentres pasa por Letra para contarnos algo máis das ideas que bolen no seu escritorio.

 O Pérez Parallé, un premio de prestixio, que se vai traducir no teu primeiro libro, como queda o corpo?

Supoño que, por moito que mandaras os textos á convocatoria, a nova do premio sempre te colle por sorpresa, así que nun primeiro momento resituándome e asumíndoo. Ademais do recoñecemento, que sempre dá pulos, é a oportunidade para chegar a máis xente e converter ese proxecto nun libro. Aínda segue a funcionarnos ese fetichismo da edición.


Que vai atopar a lectora que se achegue a este ‘Fase de Trema’?

Outra fenda no papel da que tirar. Tomando como metáfora a enfermidade mental, Fase de Trema trata de falar do alleamento que poden sentir as persoas que non encaixan nos patróns de xénero estabelecidos, da renuncia aos mapas marcados e do desexo de aliñarse coas que se rebelan e cos desterrados polo imperativo social.


Nunha entrevista anterior aseguraba que o poemario “trata de superar os estereotipos patriarcais”. Sobra tamén na literatura galega testosterona ou xa está baixando a niveis aceptables?

Testosterona en si (que regula o desexo sexual tanto en homes coma en mulleres) sobrar non sobra, pero non estamos a falar de cuestións biolóxicas senón de construcións sociais e culturais, que ao fin e ao cabo é o que son os xéneros.

Aínda é preciso que dende a literatura se faga traballo de crítica nese sentido, queda moito por desmontar nos roles e nos camiños  pechados que se trazan arredor do xénero e da sexualidade. Pero coido que tamén é neste momento cando aparecen máis apostas por outras formas de concibir e manexar as identidades sexuais na nosa literatura. As achegas de novas perspectivas están vindo tanto de escritoras coma de escritores, e é o normal, se do que falamos é de romper con dualidades maniqueas e limitadoras. Tamén eles deberan formar parte activa dese cambio e coido que algúns das xeracións máis novas o senten así dunha maneira moi consciente.


E falando da literatura que se fai na nosa lingua, como ves o momento actual?

Esta cuestión ten sempre como pano de fondo unha realidade política determinada que é a que por desgraza marca o noso desenvolvemento como cultura dende hai séculos. Convivimos cun ambiente político claramente hostil cara a cultura en galego que dificulta as condicións nas que se crea e a súa difusión. Non nego que estas coordenadas non sexan responsábeis dalgunha da nosa mellor literatura de resistencia e de análise identitaria porén, tamén pesan na conta da nosa cultura moitos panfletarismos, sobrevaloracións e criterios editoriais erráticos. A situación actual non fai máis que agudizar as dúas tendencias.


Onde cres que hai máis poesía nos bares, no facebook, no tuitter ou na Cidade da Cultura?

Nos bares, claramente, que son un caldo de cultivo estupendo e a poesía sempre dá máis de si mesturada coas amizades e a bebida.


Din os xaponeses que a palabra crise é sinónimo de oportunidade…Hai máis oportunidades para a poesía neste tempo de hipotecas, petos rotos e ringleiras no Inem?

A poesía ten a capacidade de inzar nos lugares máis inhóspitos, até das fileiras para conseguir comida con cartilla de racionamento  saíron poemas. É sabido que a fame agudiza o inxenio, a nosa propia cultura é un bo exemplo de que até nos tempos máis duros pode facerse literatura brillante, mais non podemos seguir desenvolvéndonos coa necesidade como único horizonte. É necesario reclamarlle ás institucións públicas a súa responsabilidade material respecto das condicións nas que se desenvolve a cultura. Que as bibliotecas non reciban fondos para mercar libros é só un triste exemplo que amosa ben en que punto estamos, e dá igual que sexa poesía ou ensaio científico.

Que tres autoras ou autores galegos rescatarías do esquencemento?

Considero que hai moitas persoas que fixeron achegas interesantes e que seguramente hoxe están esquecidas pola literatura e pola cultura galegas. Así que vou abusar un pouco e engadir dúas máis:

Xosé Alexandre Cribeiro, unha figura inxustamente menos lembrada ca os seus compañeiros de xeración.

– Como teima persoal, destacaría a narrativa que publicou Margarita Ledo entre os 80 e principios dos 90. Non sei se é unha faceta que a autora destacaría entre todas as que ten, mais habería que tirar deses libros e darlles un lugar dentro da literatura do seu momento.

Belén Feliú: só hai publicado dela un libro de relatos (Da Guenizah, 1998) e algúns outros espallados en revistas, mais se non morrera tan nova coido que chegaría a ser unha voz de referencia, merece a pena achegarse ao que deixou escrito.

Xela Arias, outra finada antes de tempo posibelmente menos lembrada hoxe do que a súa obra merece.

– Destacaría tamén a Xoán González-Millán, a verdade é que para as que nos dedicamos á investigación e á teoría da literatura segue estando moi presente pero convén lembrar o seu nome de vez en cando para que non se borre a súa memoria noutros eidos  da cultura galega.


Que dous libros deberían ir sempre no coche dun conselleiro?

Desconfío profundamente da bagaxe cultural dos nosos conselleiros, así que igual deberían levar un remolque cheo. No meu mundo ideal os conselleiros levarían libros que os actuais seguramente prohibirían se puidesen.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*