Mouriñismo

Un artigo de Xurxo Chapela

A pantasma do mouriñismo percorre a Rede. Na evidencia de que o fanatismo nin se crea nin se destrúe, só se transforma, os acólitos botáronse ao Twitter, desde onde arrebolan doutrina, mandamentos e unha sarna de aldraxe contra quen non comulgue: combustible para unha larada de triple K (onde ver un día arder a Messi crucificado), xenófoba (sobre todo, coa camiseta blaugrana e con Cataluña), supremacista (do escudo branco) e homofóba (co bambán, presuntamente afeminado, do pase sutil do balón a nivel de herba).

X. Chapela

O catecismo mouriñista dos aiatolás tuiteiros, custodios dunha heterodoxia estarrecedora, é sincrético; o mesmo mesiánico (na esperanza da Décima e a Liga prometidas), que nacionalsocialista e fascista no que bendice o totalitarismo no vestiario, a propaganda, o dirixismo, a violencia, a adhesión inquebrantable a un líder (consentido por quen pasou de enxeñeiro máis ou menos prodixio a oligarca da nebulosa do cemento e asinante de cheques de pluma fácil) que lle vai devolver a gloria ao clube e loitar contra a némese do positivismo guardiolista co puño americano que ningún adestrador poderá levar aos cotobelos, no acto de fe mouriñista de que os demais preparadores de fútbol do mundo son nais Teresa de Calcuta, e peor deles, Pellegrini.

Toda a semana o Twitter é una romaría onde axeonllarse ante esa figuración de profeta artificial que sinala co dedo o camiño madridista. É a oración duns mandamentos escritos por quen, como avisou Cioran, aman indebidamente a un falso deus e obrigan a os outros a amalo,  na espera de exterminalos se refusan. É un rosario de intolerancia e intransixencia.

O mouriñismo é un desvarío transformado en crenza, o paso do alcance á epilepsia deportiva, a perversión do fútbol como circo romano, porque o mourinhismo é xa máis pan que espectáculo, acougo para quen vive convertido e convencido de que o mesmo ten que o Real Madrid desapareza, porque Mourinho seguirá existindo.

Se queres saber máis de Xurxo  Chapela, pica aquí.

10 Comentarios

  1. Concordo con vostede no tocante á idea que “Mou” semella ter do que é ese deporte. Aínda que pense unha cousa: Mou é un actor estupendo.
    Tal vez se refira vostede a outras cousas co pretexto do fútbol, pero de tódolos xeitos aclárolle que, ó meu ver, o (se non cegueira, polo menos) inicio de glaucoma sobre o tema está presente por igual en ámbolos “bandos”.
    Non sei se leu unha entrevista con Manuel Rivas en El País a propósito do chamado “clásico”, que el seica vira cuns amigos degustando unha tortilla galega. Para falar do xogo do Barcelona, faltoulle citar a danza das ninfas. Semellaba soster, coma moita xente, a idea de que o F.C.B. ten como obxectivo compracer a poetas da bancada, sen importar o resultado. E semellaba non ver que o seu xogo, ademais de técnicamente notable, é claramente controlador, desgastador do rival e aínda especulativo en boa parte do tempo de posesión. Nese sentido, téñolle algo máis de simpatía ó Madrid (que non ó seu adestrador nin a algún dos seus xogadores), porque, en comparación co xogo programado e sincronizado dos “polacos”, representa a imprecisión humana.

  2. Señor Vidal, o fútbol do Real Madrid é todo para adiante (iso que din algúns vertical e que eu digo de exaculación precoz). O do barça, a día de hoxe, é voluptuoso pero lento, un lamber o balón aos poucos ata chegar a clímax final. Aí a frustración duns e a plenitude dos outros. pero só e fútbol, claro.

  3. Por iso digo que a cousa está nos estremos. Uns van a minuto e medio, outros a catro horas. Ningún acada o termo medio. Pero o Madrid ten ese impulso humano do que carecen o Barcelona. Destes últimos, fágome unha imaxe sinistra: os once iniciais en ringleira, e Guardiola erguéndolles a camiseta un a un e dándolles corda antes de que saian ó prado. Son robóticos e destrutivos: viven de secar ó rival. En cambio, o Madrid é xenerosamente británico. É coma un deses boxeadores que golpea e encaixa, e de aí xurde o espectáculo. O Barcelona, en cambio, é coma Atila. Egoísta. Por onde pisa, non volve…
    Eu quería falar disto de forma un pouco literaria. Bidan semella sentir ese odio propio do complexo de inferioridade. Eu só vexo o deporte.

  4. Posdata: Xa vai aló, pero o termo, mellor que “complexo de inferioridade”, que pode soar coma unha falta ó respecto, cousa que non pretendo, é máis ben subxectividade derivada de mesturar deporte con política. Non me gusta nada iso. É o que fai esa xentiña dos foros cando fala do Barcelona coma se fora ERC.

  5. Estimado Vidal: Na miña opinión, que é pouco importante, o Madrid pásalle coma a zorra, que dependendo de se pode chegar as uvas ou non, parécenlle verdes ou maduras…
    O madrid xoga ao que pode e con quen pode, mentras o Barcelona dalle igual contra quen xogue, e mesmo en donde xogue.
    Cando todo o mundo do fútbol admira o xogo do equipo catalán, e mesmo a selección do país e alabada polo mesmo, dende o madridismo parece que hay una coartada tras outra para facernos ver que non, que o do Barsa e aburrido e mesmo antiestético. Pois nada, a seguir coa mesma.

  6. Este texo sobre Mourinho sólo sirve para evidenciar una cosa: Todo viene bien para hacer propaganda de la causa. No merecería la pena hablar sobre ello, vulgar como tantos, si no fuera porque contiene una cosa que es gravísima, al denominar, con perversa mala fe, como “supremacistas” a los que defienden el blanco, adjetivo de resonancias de impresentable racismo. Sólo un país en el que exceso verbal ilustra lo limitado del pensamiento, puede permitirse estas faltas a la honestidad y a la inteligencia, señor Chapela

  7. Leva razón, José Manuel. É o que digo eu: queren xogar ó fútbol cubrindo de esterco o balón.
    Gallego Rey, coido que é obvia a miña subxectividade, tamén: En ausencia dunha verdadeira fe futbolística (nin do C.D. Lugo son, malia que apunta a algo grande), nunha loita sempre me inspira máis simpatía o perdedor, se polo menos parece humano, ca o gañador se, por moito que gañe, amosa ter tanto sangue coma un bloque de granito. Eu sonlle así, non teño remedio. Pérdeme a carne. Como ve, do que menos falo é de fútbol. É o que eu pretendía con estes comentarios, pero vese que non me fago entender.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*