Bicos con lingua

Carla Capeáns
Carla Capeáns
Un artigo de Carla Capeáns

              

Comezo este particular caderno de bitácora escribindo sobre uns dos espectáculos de maior éxito en toda Galicia: Bicos con lingua, de Talía Teatro, leva en cartel máis de oito anos logo da súa estrea en Cee aló polo ano 2003.

       
     

Bicos con lingua, de Talía Teatro

Dirección: Avelino González

Elenco: Artur Trillo e Toño Casais

Autores: Avelino González, Suso de Toro, Cándido Pazó, Xabier Lama,

Manuel Núñez Singala, Ana Iglesias e Marta Etxebarría.

 

A través da comedia, Talía Teatro convídanos a reflexionar sobre a problemática do idioma, sobre o comportamento da sociedade galega ante a lingua, sobre os prexuizos e a situación actual do Galego.

Bicos con lingua, nace a partir dunha escolma de textos que asinan autores como Suso de Toro, Xavier Lama, Cándido Pazó, Marta Echevarría, Manuel Núñez Singala, Avelino González e Ana Iglesias. Teñen en común, por unha parte, a reflexión sobre a lingua galega, e por outro o seu carácter directo, claro e conciso. Son textos que chegan directamente ao público a través da representación ou incorporación de situacións cotiás tomadas da vida real. Esa cotidianidade, unida a un espíritu didáctico, invita á reflexión e fai sentir ao espectador partícipe de todo o espectáculo. No ano 2004, Bicos con lingua acadou finalmente o Premio María Casares ao mellor texto orixinal.

 

O espírito do espectáculo pódese resumir nunha palabra: cotidianidade. Este é un concepto, que aparentemente pode ser sinxelo, pero que afondando dende o punto de vista teatral non o é tanto. En teatro, conseguir que o espectador teña a sensación de sinxeleza, cotidianidade e cercanía non é unha tarefa fácil. Para alcanzar ese obxectivo, cómpre, en primeiro lugar saber cal é realmente o que se pretende, o que se quere provocar no espectador e por outra banda saber cal é o camiño e a forma de alcanzar ese obxectivo. Esa cotidianidade e sinxeleza conséguese a partir da unión de moitos elementos: a estructura da peza, o ritmo, escenografía, iluminación, etc.

A peza constrúese en torno a unha serie de esqueches perfectamente entrelazados que representan situacións da vida cotiá. A estructura do espectáculo é clara e o espectador sabe dende un primeiro momento a clase de espectáculo ao que se enfronta. Contribúen a esa estructura o ritmo constante do espectáculo. Un ritmo uniforme que se adapta ao ritmo que pide cada un dos esqueches ou situacións representadas. Ademáis, a concepción da escenografía relaciónase moi estreitamente con esa idea de sinxeleza e cotidianidade. Optouse por unha escenografía “funcional” na que todos os elementos teñen un “porqué” e unha función determinada.

O elenco está formado por Artur Trillo e Toño Casais, dous grandes do teatro galego. Con Bicos con lingua, Artur Trillo acadou, no ano 2004, o Premio María Casares ao mellor actor. Toño Casais e Artur Trillo conforman unha parella dinámica, moi compenetrada na interpretación e nos xogos que se propoñen a través do propio espectáculo. Aínda que a peza ten unha duración aproximada de cincuenta minutos, a enerxía, a concentración e a disposición dos actores é moi intensa. Pola propia dinámica do espectáculo, esixe do actor unha dedicación especial, pois son múltiples os personaxes que se interpretan e son moitas as escenas ás que se enfrontan.

Bicos con lingua é un espectáculo sinxelo, directo, cotidiano, que invita á reflexión e que se adapta a calquer espazo. Un espectáculo de calidade dirixido a tódolos “falantes”.
 
 

Se queres saber máis da autora, así nos conta Carla Capeáns de si mesma

Compartir
Artigo anteriorCarla Capeáns
Seguinte artigoPablo García Martínez

1 Comentario

  1. Vin a obra de Talía Teatro en Carballo hai xa uns anos. Dende logo obras destas son as ferramentas necesarias para normalizar (e reflexionar) a lingua e non a publicidade institucional baldeira

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*