“Mensaxe a todas e todos os creadores: deixade o das videocreacións, non funcionan”

Samuel L. Paris non se move na ortodoxia. Nin cando escribe, nin cando resposta entrevistas. Con boas doses de humor déixanos a súa particular visión da literatura que se está a facer no país. Antes das preguntas déixanos, a modo de aperitivo, a pequena autobiografía que lle pedimos:

“Samuel L. París nace no 1984 en Muros. Publica Manual da destrución no 2008 no netlabel A Regueifa. Licenciado con deshonra en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica pola sacrosanta UDC, unha vez rematada a súa etapa académica, pasa dous anos en Langangen (Noruega) traballando nunha pequena libraría-mercería e escribindo para dous xornais dos que nunca veu un peso. Hoxe en día reside en Compostela, aínda que iso non importe en termos evolutivos. Membro do proxecto Tinta de Lura, blogueiro desde tempos inmemoriais, baixista da Terbutalina e defensa central sachador en paro biolóxico.”

Comezan as preguntas:

1. Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lector?

Supoño que de cando miña nai me levaba á biblioteca de Muros a coller libros tipo Teo no zoo, cando tiña tres anos, ou con meu pai léndome un libro de citas de Mao, tamén aos tres anos.

2. Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?

O bosque harmonioso (Augusto Abelaira), Historia do rock’n’roll (A. Reixa), Toca o piano borracho… (C. Bukowski), Terrorismo poético (H. Bey) e despois todas as obras que non me gustaron e me fixeron perder moitísimo tempo. Seguro que estas últimas que influíron máis que as outras.  E iso que as primeiras non me influíron!


3-Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?

Dáse ao ver que, se non o escribes ti, non o vai facer ninguén.

4. Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?

Non, para nada. Haberá que aproveitar mellor as posibilidades de cada formato, sexa libro, dixital ou parede de edificio, se non, continuaremos como até agora, paralizados. Iso si, quería aproveitar o momento para mandar unha mensaxe a todas e todos o creadores galegos: deixade o das videocreacións, non funcionan.

5-Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?

Obrigar a todo o mundo a ler cinco libros á semana baixo castigo físico. A poder ser, que non sexan libros editados por Xerais nin Galaxia e escollendo con moito coidado os libros de Espiral Maior.

6-Como xorde o relato co que participas en Letra en Obras?

Despois de escoitar o tema Lose my mind de Samesugas en repeat durante oito días seguidos e sen parar.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*