As publicacións colectivas

Terceira entrega dunha serie de reportaxes comezada con:

Da barricada ao obradoiro: todo comezou con Rompente (I)

Ronseltz: nos ointenta, xente dos oitenta con ganas de leria (II)

Portada do libro 'Cravo Fondo'

 

Ao pouco de que Rompente comezase a ciscar polas rúas adiante as súas Follas de resistencia poética, no ano 1977, a editorial compostelá Follas Novas tira do prelo un libro titulado ‘Cravo Fondo’, asinado polo colectivo que leva o mesmo nome e cunha portada deseñada polo debuxante Sucasas. Esta sería a única publicación do grupo, formado por nomes que hoxe son ben familiares para os afeccionados á literatura galega, como o de Ramiro Fonte, Xesús Rábade Paredes, Xavier R. Barrio, Xulio L. Valcárcel, Helena Villar Janeiro, Xesús M. Valcárcel e Fiz Vergara Vilariño.

 

O libro comeza cun manifesto introdutorio onde se apoian en Gramsci, Marx, Mao ou Bretón para artellar un texto que se achega a releituras de certos postulados maoistas sobre a literatura que, por simplificar, plantexabana como un brazo máis da revolución. O propio Xulio L. Valcárcel admitiu recentemente no libro Confesión de parte (Espiral Maior, 2010) ser o autor da maioría do manifesto e sobre a súa finalidade, precisou que “para que o noso discurso resultase máis críbel e non se interpretase tépedo ou reformista, nunha hora de grandes radicalismos e solemnes proclamas, quixemos buscar o respaldo ás nosas ideas precisamente en figuras das que non houbese ningunha dúdida”.

Despois veñen os poemas dos sete autores que formaban Cravo Fondo. Moitos deles pouco teñen a ver coa poética esgrimida no manifesto inicial, pero todos reflexan as aptitudes que, co paso do tempo, consagrarían a esta escritora e estes escritores como referentes na literatura galega. Por deixar aquí constancia do espírito, achegamos os versos que abren o poema Tarde, do defunto Ramiro Fonte : Eiquí xacen as voces dos que soñan / máis alá do mar e das escumas. / A carón desta tarde todo fala / presencia de moitedume iñorada no horizonte; / alá, onde xamáis noitece lenemente, / onde as toupas dos homes sempre agardan.

Outra iniciativa trascendente tanto pola súa repercusión como pola canteira de talentos que comezaron alí a súa andadura foi o Batallón Literario da Costa da Morte. Neste grupo compartían espazo xente que estaba a comezar daquela a súa traxectoria de publicación literaria, como Alexandre Nérium, María Lado, Estevo Creus ou Modesto Fraga; con outros que xa tiñan andado polos andeis do país, como Miro e Rafa Villar, Marilar Aleixandre ou o propio Sérxio Iglesias (membro do grupo Ronseltz). O Batallón fórmase a mediados dos anos noventa e dase a coñecer coa publicación no 1997 do volume colectivo Nós, realizado gracias á colaboración do Concello de Corcubión. Máis tarde publicarían Rumbo ás illas. Escritores da Costa da Morte nas Sisargas (1997) e Mar por medio (1998), pouco antes de desfacerse.

Sobre o feito de que as experiencias colectivas adoiten ser máis habituais no inicio das carreiras artísticas, pódese pensar en que os escritores novos, sen prestixio aínda no espacio social para o que escriben, unen as súas forzas ao uniren os seus lápices. Ao que me refiro aquí é a que unidos, cooperativizando o seu cativo prestixio, terán máis posibilidades de ir furando cara adiante nun mundo de normas de escritura establecidas e persoas decididas a defenderen as súas posicións de escritores xa consagrados.

Esta práctica non é, loxicamente, orixinaria dos casos de escritura ou publicación colectiva aos que vimos de referirnos. Así, esta apreciazión podémola atopar en Xesús González Gómez, cando na introducción do espazo que adica ao surrealismo dentro do libro Manifestos das vangardas europeas (Laiovento, 1995) expón que “os surrealistas buscaron ese punto, esas verdades; para iso necesitaban ser un grupo, un conxunto, porque só a existencia dun grupo pode dar ó surrealismo a autoridade á que ningún home de espírito poderá nunca pretender”.

Precisamente nesas normas ás que me referín arriba pode estar, tamén, a explicación da tendencia á transgresión dos novos en xeral e particularmente de moitos dos grupos de escritores emerxentes dos que acabamos de falar: ao estar o prestixio repartido segundo uns criterios que xa existían cando eles comezan a crear, unha forma lóxica de ascenso social semella a de crear arte poñendo en circulación valores diferentes, para despois procurar “impoñer” estes novos modelos de creación.

O camiño aberto por todos os colectivos citados durante as tres partes desta reportaxe segue a ser transitado hoxe por grupos como A porta verde do sétimo andar, o Colectivo Sacou, a asociación performativa da poetas Lucía Aldao e María Lado, e outros dos que me estarei a esquecer. A estes últimos quédalles o convite de axudarnos a emendar o erro utilizando Letra en Obras para darse a coñecer e alimentar a nosa máquina de facer soños, sempre famenta por definición felizmente imposta.

Pablo García Martínez

Ronseltz: nos oitenta, xente dos oitenta con ganas de leria

1 Comentario

  1. Caro amigo Pablo.
    Obrigado polas referencias ao BLCM. Engadirei que a primeira publicación do Batallón foi a folla voandeira “Feros Corvos” que se distribuía nas lecturas de poemas aló onde fosen e tamén nas librarías e nas tabernas. Tan só apareceron catro números que están xa recollidos na rede.
    Máis nada. Parabéns polo teu artigo. Saúde,

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*