“En certa parte da industria hai uns canons que xa lle indican ao lector que vai atopar, e se hai homoxeneidade hai pobreza”

Andrés Carrasco (Pontevedra, 1989) achégase por segundo vez á fiestra de Letra en Obras. No mes de maio foi un dos 17 autores que participaron no libro electrónico (co relato “Ollo!”) co que se lanzou este portal. Agora é un dos finalistas do Premio Biblos-Pazos de Galicia, que se falla esta mesma semana.

1. Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lector?

Na primeira infancia tiven un achegamento moi directo á literatura a través dos contos recitados; ben na voz de meu pai, ben nunha gravación. Lembro con moita nitidez a colección dos Contacontos de Salvat, que por unha parte traían un libro co texto ilustrado e por outra un casete co conto interpretado de viva voz. Coido que en parte grazas a eles aprendín a ler bastante cedo. E xa máis adiante, pola miña conta, lin O pequeno Nicolás, Manolito Gafotas… Pero sobre todo, se collemos o concepto de literatura no sentido amplo, as miñas dúas referencias inescusables son Astérix e Mafalda, pois contribuíron decisivamente a conformar a miña personalidade e o meu gusto.

2. Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?

Recoñezo que cando cheguei á adolescencia o meu ritmo de lectura baixou moitísimo, pero si que lin a dous autores tan xeniais como entretidos que me foron achegando a cousas máis complexas: Poe e Roald Dahl. Do primeiro citaría calquera dos seus contos, e do segundo Relatos do inesperado e Voando so, particularmente. Tamén dos autóctonos me acheguei a Castelao e a Cunqueiro, que me axudaron a decatarme de moitas cousas. E xa entrado na adultez nomearía tres ou catro que foron cruciais por moi diversos motivos: No camiño, de Kerouac, polo seu vitalismo; A vida instrucións de uso, de Perec, pola súa perfección formal e os seus xogos narrativos; Os detectives salvaxes, de Bolaño, porque grazas a esta novela e este escritor comecei a interesarme e a comprender en serio a literatura; e «Rayuela» e contos de Cortázar, polo seu mundo e a súa personalidade.


3-Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?

Sendo moi teimudo, aparcando temporalmente a autocrítica, e sobre todo acumulando moitos malos textos e moitos intentos falidos. Eu pasei tempo abondo comezando contos, escribindo dúas páxinas e despois plantándoos. Logo chegou un punto en que quixen tomar a cousa un pouco máis en serio e emperreime en escribir algo ata o final; entón conseguín gañar compromiso comigo mesmo e a partir de aí comecei a preocuparme de verdade por escribir o que eu quería e da mellor maneira posible. Nesas sigo e seguirei. Agora polo menos xa saen parágrafos que non me avergoñan cando os releo tempo despois, que xa é moito. E a literatura allea, a seria, procuro tomala como vehículo de aprendizaxe e fonte de inspiración, se acaso, porque se me marabillo cun texto e me dá por compararme frústrome tanto que non escribo nada de nada.

4. Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?

Eu coido que o eido dos blogs está a resultar unha plataforma de creatividade abraiante. A informática facilita a experimentación, e pódense crear textos moi heteroxéneos: mesturas multimedia de palabra e fotografía –penso no blog Reveladora-, ou vídeo, textos animados ou programados cun sentido comunicativo concreto… Isto é positivo de seu porque fomenta unha circulación e un intercambio de ideas e creacións moi interesante. Agora ben, tamén é certo que unha obra literaria, artística, ou cultural en xeral, na medida que a súa reprodutibilidade o permita, ten que aspirar a transcender o soporte en que se consume. Evidentemente calquera creación ten que se nutrir das condicións en que se desenvolve, pero se esas condicións o que fan é impoñer un destino concreto o máis probable é que o resultado sexa peor do que debera. O que merece a pena ser lido, serao tanto en papel impreso coma nunha pantalla de ordenador, ou mesmo nun móbil. Pero se pretendemos crear algún tipo de texto ou discurso específico para o seu consumo en móbil –se é que isto pode existir-… Eu polo menos desconfío do que pode saír de aí.

5-Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?

Responderei dende unha perspectiva de autor e lector, posto que en cuestión de manobras editoriais son un ignorante e amais non me interesan tanto. Coido que o rumbo da creación literaria de calquera debe procurar tanto a consecución dunha «voz» persoal como a presentación duns contidos universalizables, e basicamente ambas as dúas cousas se conseguen preguntándonos que é esencialmente o que nos preocupa transmitir e indagando sobre como é o mellor xeito de facelo. E este proceso de maduración é perpetuo, non podemos adoptar a filosofía de «eu escribo deste xeito e que o lector apande», porque renunciando á precisión e á calidade en favor de divagacións autocompracentes estase renunciando directamente á comunicación, e entón publicar non ten sentido ningún. Digo isto porque en moitos casos a ética do traballo é outra, e así en certa parte da industria galega  podemos atopar uns canons de estilo homoxéneos que xa lle indican ao lector o que vai atopar e o que non, e se hai homoxeneidade hai pobreza. A literatura é demasiado complexa como para que haxa tantas obras que se asemellen tanto entre si; o principio está en que cada escritor asuma o compromiso ético e político de opoñerse ao preestablecido, de diferenciarse. Isto é o que a min como lector me interesa atopar, fundamentalmente, e penso que por aí é por onde se comeza a medrar.

6-Como xorde o relato co que participas en Letra en Obras?

Non o lembro con exactitude as circunstancias, supoño que sairía dalgunha noite de insomnio escoitando post-rock, porque isto en min é relativamente habitual. E con respecto ao ánimo comeceino como un simple xogo de escritura, unha investigación na que a idea non existía nun principio e ela mesma se foi revelando cara ao final.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*